– Os escolares celebrarán cun concerto da artista viguesa a clausura do programa “Unha semaniña enteira”. Esta iniciativa, que xurdiu dos equipos de Normalización Lingüística dos institutos, ten como obxectivo fomentar o uso do galego entre a mocidade coa colaboración do Concello e outras entidades e asociacións. A actuación de Xöyza será o venres ás 12.00 na Alameda Castelao.
Máis de 400 escolares dos catro institutos de Redondela asistirán ao concerto de Wöyza organizado polo departamento de Normalización Lingüística do Concello de Redondela. A actuación da artista viguesa será este venres, día 10, ás 12.00 horas na Alameda Castelao. Están convidado todo o alumnado dos IES Chapela, Floriani, Illa de San Simón e Mendiño que participaron na campaña “Unha semaniña enteira”. Foron os propios escolares os que escolleron á artista viguesa para o concerto que pecha as actividades do programa. Trátase dunha voz consolidada no panorama musical, cantante, compositora e produtora, considerada unha das pioneiras do hip hop en España. Fusiona xéneros como soul, rap, gospel e rhythm and blues. A súa música, marcada polo contido social e experiencias persoais, tamén revisa o repertorio tradicional galego fusionándoo con expresións musicais contemporáneas.
A iniciativa “Unha semaniña enteira” xurdiu dos equipos de Normalización Lingüística dos institutos, e ten como obxectivo fomentar o uso do galego entre a mocidade. O reto que deben superar é falar galego durante 7 días as 24 horas. Para este propósito o Concello de Redondela mobilizou a distintos sectores sociais para contribuír ao uso da nosa lingua e animar á poboación a empregar o galego.
A alcaldesa, Digna Rivas, confía en que actividades coma esta sirvan “para normalizar o uso do galego en todos os ámbitos da sociedade” e reafirma o compromiso do seu goberno “para seguir colaborando en todas as iniciativas que se poñan e marcha a prol da lingua”.



