O Concello de Mos, xunto coa Asociación de Hostalaría e Turismo BaresMos, deu onte por inaugurada a ruta de pinchos “A Volta nos Bares”, unha proposta gastronómica e social que se desenvolverá todos os xoves, venres e sábados de setembro en horario de 19:00 a 23:00 horas.
A iniciativa celébrase con motivo da chegada de La Vuelta Ciclista a España a Mos o vindeiro 9 de setembro, enchendo de sabor, creatividade e espírito colectivo os bares e restaurantes do municipio.
En total, 23 establecementos hostaleiros participan nesta edición, ofrecendo pinchos especiais a 1 euro, cada un cun nome vinculado ao mundo do ciclismo:
A Baiuca de Mos: A piñón fixo.
Adega da Tía Carmen: Maillot da Adega.
Asador Edan: Volta volta costilla.
Bar Maceira: Graxa nos piñóns.
Bar Restaurante Curuxeira: Porto de tinta.
Bocatería O Bocadiño: Sprint.
Café Bar Encontros: A rodada ibérica.
Café Bar Faquiña: Pericoportos.
Café Bar O Cruceiro de Guizán: Bocado Pereiro.
Café Bar Os Castros: Etapa Camiño da Rosa.
Casa Veiga: Caramañola de choco.
Centro Social e Deportivo de Guizán: Bianchi bocado.
El Rincón de Erika: Pincho Arcoiris.
Kaizen – A cociña de Luci: O Pirata.
Mesón Arxentino: Pelotón-pizza.
O Alpendre: Maillot negro.
O Lar de Fátima: Pincho de sufrimento.
Pazo de Mos: Van der Pincho.
Restaurante La Roca: Contador de queixo.
Restaurante Ta-Pra: Mar e pedal.
Tapería Baxiña: As rodas da cabra.
Tapería Flora: Findetapa.
Tapería O Cabaliño: O Rodador.
Os clientes poderán solicitar un “tapaporte”, no que irán acumulando selos por cada pincho consumido en locais diferentes. Ao completar 6 selos en 6 bares distintos, entrarán no sorteo de premios valorados en máis de 1.500 euros, entre eles:
-Bonos de restauración por valor de máis de 500 euros.
-Un bono de 300 euros para gastar en Tramo Libre.
-Seis maillots de “A Volta”.
-Diferentes bonos deportivos.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, subliñou que “A Volta nos Bares é unha forma orixinal e divertida de celebrar a chegada de La Vuelta España a Mos, poñendo en valor a hostalaría local e creando comunidade arredor da nosa gastronomía”.
O Concello anima a toda a veciñanza e visitantes a sumarse a esta festa gastronómica e deportiva que encherá Mos de vida durante todo o mes de setembro.