• O acondicionamento do espazo foi levado a cabo pola Concellería de Medio Ambiente, que dirixe o nacionalista Xosé Luís Martínez, dando así resposta a unha petición veciñal
• A actuación reafirma a filosofía marcada a través da campaña Poio en Verde, que promove a dotación e creación de áreas de lecer ao aire libre, respectuosas coa contorna e que fomenten hábitos saudables
A Concellería de Medio Ambiente, dirixida polo nacionalista Xosé Luís Martínez, vén de culminar os traballos de posta a punto da nova horta urbana situada no lugar da Caeira, na parroquia de San Salvador. O edil do Goberno municipal supervisou a zona nestes días, unha vez levado a cabo o seu acondicionamento, que supón “dar resposta a unha demanda que nos tiñan trasladada a veciñanza da contorna para contar cun espazo destas características”. Martínez Blanco, que estivo acompañado polas concelleiras nacionalistas Marga Caldas e Raquel Rodríguez, lembra que a creación deste tipo de zonas é un dos piares da filosofía impulsada neste mandato a través da campaña Poio en Verde, que avoga pola creación de áreas de esparcemento e de lecer e o fomento do respecto e coidado pola contorna. Para iso, traballan de xeito conxunto co departamento de Medio Ambiente outras concellerías como Deportes, Educación, ou Seguridade Cidadá.
A hora urbana emprázase nas proximidades da nova rúa aberta entre Río Sil e Umia. Tal e como recorda Xosé Luís Martínez, o que se fixo foi poñer a punto a parcela na que “xa desde hai algún tempo un grupo de veciños e veciñas da Caeira realizaba pequenos cultivos”. Procedeuse ao arranxo e acondicionamento do terreo, ademais da mellora de acesos e da instalación dun peche perimetral. A intención é que o uso dos terreos sexa de carácter rotatorio, de xeito que “todas as persoas interesadas proceder cos cultivos”. O titular de Medio Ambiente ten claro que son moitos os beneficios que se poden obter co fomento deste tipo de espazos. “Mellórase a calidade de vida dos usuarios e usuarias, impulsando, ao mesmo tempo, a recuperación de espazos urbanos e de uso público”. Ao mesmo tempo, apóstase por incrementar o interese pola agricultura ecolóxica e a xestión de residuos por parte da veciñanza.
Esta actuación vén a culminar a remodelación integral da contorna desta rúa da Caeira, que desde hai unhas semanas tamén conta cunha nova zona verde, anexa á horta urbana. A principios deste ano concluíron os traballos para a instalación de mobiliario, a plantación de especies arbóreas e a dotación de aparellos biosaudables.
Este é un paso máis no importante proceso de transformación que vén de experimentar esta zona da Caeira nos últimos anos, logo de que en 2021 as concellerías de Urbanismo e de Obras acometesen a construción da vía que une Río Sil e Río Umia. Unha actuación que se financiou con fondos propios e que tamén incluíu a dotación de espazos para estacionar e beirarrúas, así como servizos e alumeado.



