• Durante os días 31 de maio e 1 de xuño ábrese un prazo para a presentación de reclamacións, documentación pendente ou para renuncias de prazas, tanto para Campa Verán e Raxó Verán, impulsadas pola Concellería de Educación, como o Espazo Concilia, organizado pola área de Igualdade
• As listaxes permanecen expostas na Sede Electrónica. A relación definitiva de admitidos e admitidas darase a coñecer o luns 6 de xuño
O Concello de Poio informa de que xa se poden consultar na súa Sede Electrónica os listados provisionais de inscricións das ludotecas que a Administración municipal impulsa durante o verán para fomentar a conciliación da vida laboral e familiar da veciñanza. Trátase, en concreto, do Campa Verán e Raxó Verán, organizados pola Concellería de Educación, e o Espazo Concilia, a través de Igualdade.
Tal e como informan as edís responsables de ambas áreas, Raquel Rodríguez (BNG) e Silvia Díaz, agora ábrese un prazo de dous días (31 de maio e 1 de xuño) no que as persoas interesadas poderán presentar, nos casos que así sea necesario, documentación pendente, formalizar reclamacións ou renunciar a prazas. O listado definitivo darase a coñecer o luns 6 de xuño.
Estas iniciativas darán comezo o 1 de xullo. Previamente, celebraranse reunións informativas cos pais e nais da rapazada inscrita. Raxó Verán e Campa Verán estarán operativos ata o 31 de agosto, nos colexios de Espedregada e Isidora Riestra, respectivamente, mentres que o Espazo Concilia permanecerá aberto ata o 9 de setembro no CEIP Viñas de San Salvador. Poderán beneficiarse deste servizo aquelas familias con rapaces e rapazas nados entre os anos 2011 e 2018 que estean escolarizados nalgún dos centros educativos do municipio, así como os fillos e fillas de persoas que teñan o seu posto de traballo en Poio.
En total, o Concello de Poio ofrece 600 vacantes a través destas ludotecas, impulsadas co obxectivo de facilitar a conciliación da vida laboral e familiar da veciñanza, fomentando a corresponsabilidade e ofrecendo ás crianzas actividades de lecer nas que se fai fincapé en valores como a integración, a igualdade, a convivencia, os hábitos saudables ou o respecto polo medio ambiente. Os horarios serán de 7.30 a 15.00 horas no caso do Campa Verán; de 9.00 a 14.00 horas no Raxó Verán e de 8.30 a 14.30 horas no Espazo Concilia.