Xabier P. Igrexas: “O galego ten futuro en Vigo, só hai que deixar de poñerlle atrancos e promover o seu uso”

adminON
Lectura mínima de 4

O BNG pide que se actualice e desenvolva o Plan de Dinamización Lingüística do Concello de Vigo que foi aprobado en 2007

O portavoz municipal do BNG pon en valor as iniciativas sociais e culturais que están a “abrir novos espazos en favor do noso idioma” na cidade

Desde o Bloque demandan que o Concello se converta nun “axente normalizador en prol do galego” e esixen a Caballero que deixe de secundar a política “galegofóbica” que aplica o PP desde a Xunta

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) realizou esta tarde unha mesa redonda intitulada “Vigo quere galego?”, na que participaron a xornalista Tamara Novoa, o filólogo Henrique Costas e o dramaturgo Afonso Becerra.No acto interviu tamén o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, quen defendeu que “o galego ten futuro en Vigo” a pesar da situación de emerxencia lingüística que se padece. Para iso demandou que “se deixe de poñer atrancos e se promova en positivo o seu uso en todos os ámbitos”.

No concreto, o portavoz municipal nacionalista chamou a que o Concello de Vigo actualice e desenvolva o Plan de Dinamización Lingüística aprobado en 2007 e que “leva demasiado tempo a coller pó nun caixón sen executarse”. “18 anos despois é momento de revitalizar de verdade o compromiso do Concello coa lingua galega”, subliñou.

Na súa intervención, Igrexas puxo en valor as diferentes iniciativas sociais que están a “abrir novos espazos en favor do noso idioma” na cidade. “Desde as creadoras e artistas que empregan con orgullo a nosa lingua, pasando polos colectivos que apoian a crianza en galego ou que acompañan as persoas neofalantes, até o compromiso de entidades deportivas, veciñais, sociais e de todo o tipo que fan visíbel o noso idioma na cidade”, enumerou.

“Nun contexto tan preocupante como o que amosan os últimos datos sociolingüísticos é de agradecer o empeño desde abaixo por reivindicar, con feitos, que na maior cidade de Galiza poidamos vivir plenamente na nosa lingua propia”, afirmou.

Para o portavoz municipal nacionalista, o feito de que, tal e como recolle o último estudo do IGE, só o 13,5% da poboación viguesa utilice o galego de forma predominante -a cifra máis baixa das cidades galegase moi lonxe media galega do 45,5%-, ou que nos menores de 14 anos só 3 de cada 100 usen o galego a diario, “non pode levarnos á frustración nin á resignación”.

“Esta realidade non responde á liberdade nin á vontade social, en Vigo hai unha maioría social que se orgulla do noso idioma e á que lle gostaríaque o galego teña cada vez máis uso e espazo”, acrecentou.

Garantir os dereitos lingüísticos

Para garantir o dereito “de todas as viguesas e vigueses, como galegas e galegos que somos, a podermos vivir plenamente no noso idioma”, desde o BNG demandan que o Concello de Vigo se converta nun verdadeiro axente normalizador en prol do galego e que desista da súa complicidade “por acción ou por omisión” coas políticas galegófobas que aplica a Xunta do Partido Popular.

“De nada serve reivindicar un día ao ano a lingua galega, se despois se destinan 5 veces máis recursos a promocionar o inglés que a lingua propia, se exclúe a música en galego dos concertos de Castrelos ou se incumpre cada día a propia ordenanza municipal de normalización lingüística”, criticou Igrexas. 

Comparte este artigo