Precísase un Plan Municipal de Prevención de Toxicomanías para coordinar as diferentes iniciativas actuais e impulsar outras actuacións necesarias, pedida pola FGcN.
O candidato do BNG á Alcaldía de Vilagarcía, Xabier Rodríguez Paz, comparte a preocupación da Fundación Galega contra o Narcotráfico, sobre a petición de crear un “Plan Municipal de Prevención de Toxicomanías que coordine as iniciativas que actualmente desenvolven diferentes entidades e colectivos sociais e impulse outras necesarias para abordar a labor de atención ás persoas que precisan de atención; e, tamén, para realizar funcións de divulgación, pedagoxía e motivación que promovan actividades saudábeis”.
A necesidade de contar cun plan municipal cobra máis relevancia diante do futuro traspaso á Xunta de Galiza da xestión do SPAD; inmellorábel ocasión para acadar un incremento de recursos, especialmente os de carácter profesional e humano, para que se aumente a carta de servizos, alén da Unidade de Día Asistencial, vitais para ampliar obxectivos de saúde.
No encontro da candidatura do BNG coa Fundación, tamén se abordaron outras consideracións relacionadas coa problemática do aumento drogadiccións e outras adiccións que crean dependencias destrutivas e graves problemas de saúde tanto física como mental. Así, evidenciase a necesidade de que os concellos promovan hábitos saudábeis, cunha especial incidencia na mocidade, alertando activamente sobre os perigos do consumo de alcohol e outras substancias tóxicas, facilitando alternativamente espazos de lecer e unha programación lúdica de actividades saudábeis que ofreza unha proposta atraínte á mocidade do noso concello.



