Vilagarcía debe contar cun plan local de atención ás persoas maiores misión que pode abordarse polo Consello Municipal que representa a estas persoas
O candidato do BNG á Alcaldía de Vilagarcía, Xabier Rodríguez Paz, perante a oportunidade futura que representa o feito de liberar as actuais instalacións do Centro de Saúde, en San Roque, á edificación que se construirá no solar da antiga Comandancia Naval, propón ir avanzando no estudio, planificación e procura de consenso dos usos aos que debería destinarse, unha vez rematado o traslado dos servizos de Atención Primaria do Sergas; e nese senso considera que “sendo moitas as necesidade vinculadas á saúde e ao benestar das persoas, especialmente dos maiores e tamén da mocidade, pola capacidade, superficie e mesmo a multiplicidade de accesos, o actual Centro de Saúde en San Roque debería permitir un futuro uso multifuncional en materia de saúde mental e xerontolóxica”.
Polo que atinxe á necesidade de abordar a saúde mental, lémbrese que cos datos de referencia actuais sabemos que “un de cada sete persoas mozas ten un problema de saúde mental, tanto na idade escolar como directamente relacionada coa precariedade e a desigualdade social. As persoas de entre 18 e 34 anos son as que máis visitas fan aos servizos de saúde mental. O suicidio converteuse na primeira causa de morte non natural entre a mocidade. Esta “situación de emerxencia” non só hai que abordala con políticas sanitarias, senón tamén sociais. E que dicir, ademais, das persoas maiores en soidade. Polo tanto, o concello non pode ser alleo a esta grave problemática de saúde, malia competencia que corresponde aos servizos sanitarios da Xunta e debe darlle prioridade a súa xestión impulsando medidas con recursos propios e buscando acordo e fondos noutras institucións.
Agardase, ademais, o futuro traspaso á Xunta de Galiza da xestión do SPAD que hoxe presta un servizo a Vilagarcía e ao seu entorno; inmellorábel ocasión para acadar un incremento de recursos, especialmente os de carácter profesional e humano, para que se aumente a carta de servizos, alén da Unidade de Día Asistencial, vitais para ampliar obxectivos de saúde.
Obviamente, no caso das persoas maiores non só é deber atender a situación que afecta a súa saúde senón tamén a que corresponde as persoas válidas en plenitude de capacidade física e metal, por iso consideramos que Vilagarcía debe contar cun plan local de atención ás persoas maiores misión que pode abordarse polo Consello Municipal que represente a este grupo de idade (con indicadores e medios de seguimento para garantir a súa aplicación e mellora), sempre coa finalidade de saber dar unha resposta municipal ao progresivo envellecemento da poboación do concello e promover a calidade de vida e a participación das persoas maiores, logo dunha diagnose inicial para identificar ás fortalezas e as debilidades do concello a respecto do seu envellecemento. E a súa estrutura, como mínimo, reparará na actividade municipal centrada nas persoas maiores (promoción da autonomía persoas e saúde das persoas maiores, participación social das persoas maiores na vida comunitaria, inclusión social e respecto ás persoas maiores e información e comunicación municipal para as persoas maiores, entre outras cousas) e na actuación municipal sobre a contorna para garantir a calidade de vida das persoas maiores (espazos públicos, edificios, transporte, vivenda e participación cívica, entre outras cousas).
Importa que a perspectiva de idade estea incorporada en todas as políticas e actuacións municipais, facendo que as persoas maiores poidan implicarse identificando as súas necesidades e ofrecendo propostas para a súa solución. Podemos aproveitar as oportunidades que ofrece a maior lonxevidade, coa esperanza de vida actual, a través da planificación do alcance das súas oportunidades. Ao ser previsíbel, sabemos que esta transición demográfica terá lugar e podémola planificar para aproveitala ao máximo. O beneficio destas oportunidades depende nomeadamente da saúde, de modo que, se as persoas viven eses anos adicionais cun bo estado de saúde, a súa capacidade para faceren o que valoran será apenas diferente á dunha persoa máis nova. Mais, se eses anos adicionais se caracterizan por unha diminución da capacidade física e mental, as consecuencias para as persoas maiores e para a sociedade serán negativas.