O encontro coa Asociación veciñal de Faxilde evidenciou a necesidade da actuacións perentorias no lugar, mellorando subministro de auga, rede de saneamento e pluviais.
O candidato do BNG á Alcaldía de Vilagarcía, Xabier Rodríguez Paz, continúa a campaña de diálogo, proximidade e contacto co tecido asociativo do municipio. Agora vén de manter un encontro coa Asociación veciñal de Faxilde, no centro sociocultural do lugar, un local que padece problemas de humidades que piden un arranxo perentorio. Na reunión constatou a sensación das xentes do ámbito rural e periférico que senten marxinación nas políticas municipais, xa que é moito o que está pendente de atenderlles en materia de seguridade no tránsito e de infraestruturas que faciliten o seu benestar en igualdade de condicións ás doutros lugares. Necesitan mellorar o transporte público co centro. E urxe que no núcleo central de Faxilde se acometan intervencións que permitan unha correcta subministración de auga potable ou actuar na rede de saneamento; e, a xulgar polos recentes acontecementos deste inverno, é imperiosa a mudanza da rede de evacuación de augas pluviais para evitar o encoraxe de auga co que se anegan predios e vivendas ou causan mesmo situacións de perigo para os transeúntes; como provocaron determinados corrementos de terras que van ter que ser estabilizados e protexidos con varandas.
No transcurso da xuntanza tamén se falou do risco para os vehículos que supoñen as canalizacións a ceo aberto de A Pelada, dos problemas de salubridade, limpeza de camiños e presenza de roedores; da ordenación do tráfico, lamentando a oportunidade perdida de desaproveitar o tempo de obras alí realizadas para efectuar a reordenación de vías e camiños de sentido único, ornamento, zonas de descanso con bancos axeitados, árbores e especies vexetais vivaces. Igualmente, tocáronse temas como o da sinalización de prazas de estacionamento, paradas de autobús escolar ou melloras do firme.
Denuncian o longo e opaco proceso xudicial en torno á presunta usurpación de terreos por particulares que son reclamados pola veciñanza como públicos no entorno da Fonte.
Sinalan á oportunidade de adquirir o Pazo de Sobrán, en venta, para ao patrimonio público.
Un ben que sumado á Igrexa de San Martiño e a Ruta Frei M. Sarmiento é vital para o turismo.



