HomePontevedraO SalnésXabier Rodríguez Paz, o candidato do BNG, abre un proceso de diálogo...

Xabier Rodríguez Paz, o candidato do BNG, abre un proceso de diálogo e contacto de proximidade con colectivos e veciñanza

- Anuncio -spot_img

Na cita coa Asociación de Veciños de Sobradelo, escoitou a reivindicación de melloras imprescindíbeis e perentorias que o Concello debe atender neste espazo parroquial.

O candidato do BNG á Alcaldía de Vilagarcía, Xabier Rodríguez Paz, acompañado do actual voceiro municipal, Xosé Lois Leirós, reuniuse no Centro Social de Sobradelo cunha representación da Asociación Veciñal, para coñecer de primeira man algunhas das cuestións que afectan á parroquia en distintos eidos. Unha das cuestións máis relevantes, sen dúbida, polo risco que supón e o tempo que leva sen albiscarse unha solución satisfactoria, é a do acceso a pé ao IES Armando Cotarelo Valledor pola rúa Ameixeiras, dada a inexistencia de beirarrúas nunha vía de intenso tráfico (autocares, camións e vehículos particulares) e escasa visibilidade.

O colectivo veciñal tamén demandou que se retomasen medidas levadas a cabo parcialmente, como a da sinalización vertical dos límites de velocidade na PO-549 e a que afecta á identificación toponímica de rúas e lugares da parroquia. Igualmente demandan unha ampliación e mellor acondicionamento do campo da festa, así como a necesidade dun espazo de xogos infantís, que na actualidade redúcese á mínima expresión nun pequeno solar anexo ao instituto.

En relación ao local social, utilizado por diversas entidades ( A.C. “Nós”, Coral, A.C. “Os Remolóns”, e outros colectivos) dende a Asociación veciñal demandan unha serie de reformas acordes co intenso uso do mesmo, tal que a reparación do elevador, a recuperación da conexión WIFI, ou a ampliación da dotación económica, hoxe insuficiente, para os gastos de arranxo do sistema de calefacción e dos danos ocasionados polas inundacións deste inverno. Insisten, tamén, na necesidade de realizar actividades no exterior do recinto, como aconteceu durante a pandemia, que poderían ter cabida de dotar ao terreo pegado ao edificio dalgún tipo de cuberta.

Finalmente a representación veciñal criticou a falta de transparencia á hora de informar de obras que afectan ao conxunto da parroquia, como a execución da rotonda ou o proxecto do paseo de Canelas.

Publicacións Relacionadas