Xestión e compromiso con Ponteareas chave neste primeiro ano de goberno

adminON
Lectura mínima de 7

• No primeiro ano de goberno conseguimos aprobar o orzamento en tempo e forma, xustificar ao 100% os fondos europeos, abrir o Centro de Emprendemento, ter unha sede da extensión da UNED e Residencia de Artistas e pór en marcha a transformación da praza de abastos en biblioteca

• Tamén adxudicar o saneamento en Ribadetea e duplicar a partida de baleirado de fosas sépticas ademais de dar viabilidade ao plan parcial de A Lomba

O goberno de Ponteareas deu conta en rolda de prensa do seu primeiro ano de goberno de lealdade e respecto entre socios e coa cidadanía de Ponteareas, así resumía alcaldesa e primeiro tenente de alcaldesa estes 365 días de traballo.

Xestión e compromiso son as claves para hoxe lanzar os máis de cincuenta feitos cumpridos. “Da deixadez ao cariño”, o goberno de Nava Castro e Juan Carlos Carrera pensa que esta é a fórmula para o cambio que está experimentando Ponteareas. Cun orzamento de vinteún millóns de euros e o apoio para investimentos da Deputación e da Xunta de Galicia e 23.500 habitantes aos que dar servizos, o goberno de Ponteareas conseguiu aprobar un orzamento para 2024 en tempo e forma, rematar edificios para usos públicos como o Centro de Emprendemento; facer de titularidade municipal a nave de Aceros del Tea futuro mercado municipal; implantar un Programa Integrado de Emprego para 100 beneficiarias/os e conseguir en tan só seis meses de un 40% de inserción; desenvolver o Plan Xeral para facer viable e dar seguridade garantía ao solo industrial da Lomba; conseguir fondos e redactar o proxecto para a nova escola infantil; a mellora enerxética da residencia de maiores; crear unha nova ludoteca; remodelar os vestiarios de Pardellas; reparar a cuberta dos dous pavillóns municipal e da piscina; un campo de tiro, incrementar as axudas para as traídas de augas; adxudicar a primeira fase de saneamento de Ribadetea; duplicar a partida para baleirado de fosas sépticas; obter a bandeira de Sendeiro Azul para a Freixa e o certificado de Vilas en Flor; ter unha sede da extensión da UNED e unha residencia de Artistas; melloras nos centros educativos, recuperar a oficina de información xuvenil; facer realidade un novo centro de saúde ou reforzar os servizos de atención temperá así como dotar o campo de fútbol de San Mateo de novo céspede.

“Pequenos e grandes proxectos pero todos eles de igual importancia porque para nós o primeiro son as persoas e as súas necesidades. Temos a responsabilidade de facer todo o posible para dar calidade de vida. O noso papel é buscar os apoios, planificar e buscar os recursos para dar solucións. A cidadanía confiou en nós e traballamos cada día para que Ponteareas sexa un lugar mellor no que vivir”, sinala a alcaldesa.

O primeiro tenente de alcaldesa asegurou que “por fin Ponteareas ten normalidade e todo iso é porque existe unha atención directa, unha ampliación de recursos humanos que atenden as necesidades da cidadanía e aos que lles dou as grazas polo seu traballo, temos relación fluída con todas as administracións e gobernamos para todas e todos”. Palabras que sustenta en feitos como o millón e medio detrás da primeira fase de saneamento de Ribadetea; os 500.000€ para o obradoiro de emprego; o programa de inserción de poboación inmigrante, etnia xitana e colectivos en riscos con 500.000€; a primeira licitación do subministro de electricidade con 800.000€; 200,000€ da nova ludoteca; 1.200.000 para facer realidade a nova escola infantil; un investimento de 1.250.000€ para dar servizo ao emprendemento no CEDEP; 220.000€ para promover o emprego co Programa Integrado de Emprego e novos edificios municipais como Aceros del Tea cun investimento de 900.000€ salientan en cuestión de infraestruturas e novas dotacións.

“Ademais, da ampliación da dotación de Policía Local coa suma de catro novos axentes que traballarán para ser unha policía social e de incrementar de 3 a 5 profesionais no servizo de garda de Bombeiros. Agora podemos axudar porque temos recursos e ese é o motivo polo que temos moitas solicitudes para celebrar probas ou actividades na nosa vila, exemplo diso é o Festival Afluente que se presenta este sábado e que traerá a Ponteareas a milleiros de mozas e mozos porque este Concello se encargou de limpar e acondicionar espazos nos que poder desenvolver esta e outras moitas actividades, iso é xestión e iso vai moito máis aló dos números, é cuestión de vontade”, engade Juan Carlos Carrera.

Nisto mesmo coincide a alcaldesa que insiste en pór a diario empeño e ilusión en resolver e mellorar porque iso é o que “fai vila, o que nos une, o que nos fai estar a gusto e orgullosos”. Engade a alcaldesa que detrás de todo está a planificación integral, a vista a longo prazo e deseñar cada espazo como parte de un todo, “protección e coidado do medio ambiente porque temos un patrimonio natural privilexiado que nos facilita espazos para o deporte ao aire libre, para o paseo, para o encontro. En sintonía con isto corresponde ter un centro urbano verde, agradable con comercio local, con mobiliario urbano axeitado, con propostas de actividades de lecer e formativas, con espazos para emprender e traballar en rede, que atraia a investigadores, a turistas e tamén ao tecido empresarial”. Exemplo desta dinámica para reactivar a vida en Ponteareas son iniciativas tan exitosas como Talento Xove ou Saborotea no que promover a participación de toda a cidadanía con actividades transversais.

Na axenda de traballo está o cámping da Freixa como recurso turístico que dinamizará Ponteareas e o resto das vilas do Condado Paradanta, ao igual que a posta en marcha da Residencia de Artistas pública e multidisciplinar, a sede da UNED ou o novo mercado municipal que son exemplos de servizos de alcance comarcal que asume Ponteareas.

Comparte este artigo