• Afiánzase como espazo para o intercambio de coñecementos dende o punto de vista profesional e a formación en diversos ámbitos da informática e as novas tecnoloxías
• Hoxe este evento estivo protagonizado pola entrega de premios das súas máis de vinte competicións, nas que se repartiron algo máis de 6.000 euros
• Dende o venres ata hoxe máis de 800 inscritos puideron desfrutar dunha velocidade de conexión de ata 40Gbps grazas a Intermax Technology, o dobre que na pasada cita, ademais dun programa con máis de cincuenta propostas
• A cita, que tivo lugar na Feira Internacional de Galicia ABANCA, estreou patrocinador coa empresa tecnolóxica galega Intermax Technology e contou de novo co apoio da Xunta de Galicia, impulsora da party, a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
A XGN Intermax remata hoxe na Feira Internacional de Galicia ABANCA, Silleda (Pontevedra) tras reunir dende o venres a máis de 800 profesionais e afeccionados á informática, as novas tecnoloxías e o lecer electrónico que quixeron vivir a experiencia que ofrece esta lanparty, a maior de Galicia.
Os dous pavillóns principais do recinto, de 10.000 metros cadrados cada un, foron o escenario desta 24ª edición, na que os participantes puideron desfrutar dunha cita que uniu unha atractiva proposta e unha velocidade de conexión de ata 40Gbps nunhas instalacións amplas e confortables.
Durante estes tres días os rexistrados puideron gozar de medio centenar de actividades en áreas tan diversas como a arte dixital, a programación, a impresión 3D ou os videoxogos. Dentro destas propostas incluíanse máis dunha vintena de competicións centradas en arte dixital, videoxogos, modding (modificación de equipos), setups (personalización creativa do espazo individual dos participantes na party) e programación de robots para que competiran nun sinxelo xogo. Destes concursos entregáronse esta mañá os premios, algo máis de 6.000 euros.
Desde a organización valórase moi positivamente esta edición, na que destacou, desde o punto de vista técnico, a excelente conexión e a estabilidade de rede, e respecto ao contido, a gran calidade das conferencias e o alto nivel dos participantes nas distintas competicións. Así mesmo, foi reseñable o perfil dos inscritos, moitos deles con gran nivel profesional, e tamén a súa gran motivación durante o evento.
Por todo iso, desde a organización valórase moi positivamente os resultados desta edición, así como a proxección deste evento, o cal continúa traballando para converterse na segunda maior lanparty a nivel nacional.
Nestes resultados tivo gran relevancia o apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, a cal é impulsora da party, así como a compañía tecnolóxica galega Intermax Technology, que se estreaba nesta edición como patrocinador oficial.
Más profesionais e unha maior idade media, 31 anos
O perfil dos participantes na XGN Intermax foi evolucionado nos últimos anos, convertendo esta party nunha cita valorada non só como punto de encontro lúdico, senón como espazo para o intercambio de coñecementos desde o punto de vista profesional e a formación en diversos ámbitos da informática e as novas tecnoloxías.
Proba diso son os participantes nesta edición, na cal se referenda esta vertente do evento tanto polos obxectivos de participación destes rexistrados como pola súa media de idade. En canto ao primeiro, mostraron un manifesto interese nas conferencias e charlas e nas propostas relacionadas co software libre ou a arte dixital. Respecto á idade media, subiu ata os 31 anos, dous máis que o ano pasado.
Por outra banda, respecto a a súa procedencia, eran orixinarios de 20 provincias, na súa maioría de Galicia, pero tamén doutras como Madrid, Bizkaia, Asturias, Valladolid, León, Palencia, Salamanca, Barcelona, Cantabria, Toledo, Zaragoza ou Málaga.