O Concello de Covelo informa de que xa finalizou o prazo para presentar candidaturas aos XI Galardóns Síntete Covelo 2025, un recoñecemento anual destinado a salientar a traxectoria, o labor, os proxectos e o compromiso de persoas e entidades que contribúen ao desenvolvemento de Covelo e ao prestixio de Galicia en múltiples ámbitos.
Os Galardóns Síntete Covelo naceron co obxectivo de poñer en valor a achega á creación, á arte, á ciencia, ás humanidades, ao deporte, ao medio ambiente e á conservación da paisaxe e do patrimonio, así como o fomento do nome de Covelo e das tradicións galegas. As bases establecen un proceso aberto no que calquera persoa, entidade, asociación ou colectivo pode propoñer ou propoñerse como candidato, sendo o xurado composto por representantes dos distintos grupos políticos municipais.
Unha vez rematado o período de presentación, comeza agora a fase de avaliación por parte do xurado, que seleccionará as dúas candidaturas que obterán maior puntuación segundo os criterios establecidos.
A entrega dos galardóns terá lugar o sábado 27 de decembro ás 18:30 horas no Auditorio Municipal de Covelo, nun acto público no que se recoñecerá o labor das dúas persoas ou entidades distinguidas nesta edición. A gala contará cunha actuación financiada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude de Antonio Barros e Ialma con “Grandes Voces da Canción” e, como peche, ofrecerase un aperitivo acompañado de un viño galego.
O Concello de Covelo agradece a participación de tódalas persoas e colectivos que presentaron as súas propostas e invita á veciñanza a asistir á gala, un encontro que pretende celebrar o talento, o esforzo e o compromiso coa nosa terra.



