HomeTabeirósA EstradaXoán Reices: “As emendas aos orzamentos da Xunta que presentamos mellorarán a...

Xoán Reices: “As emendas aos orzamentos da Xunta que presentamos mellorarán a calidade de vida dos veciños e veciñas da Estrada”

- Anuncio -spot_img

“Facemos o traballo que non fai o alcalde”, afirma o concelleiro do BNG

O BNG da Estrada presenta unha serie de emendas aos orzamentos da Xunta, que “mellorarán a calidade de vida dos veciños e veciñas”, segundo indicou o concelleiro nacionalista, Xoán Reices. “Como demostramos xa no acordo de investidura, onde demos un impulso á construción da Variante, coas emendas que presentamos, estamos a facer o traballo que non quere facer o alcalde”, afirma, “non sabemos se por non molestar aos seus ou por desleixo e abandono das súas funcións”.

“Neste sentido”, explica Reices, “presentamos emendas para impulsar a construción dun centro de día no noso concello -un de verdade e público-”. “Tamén emendamos os orzamentos en 500.000 euros para recuperar a Torre e o Pazo de Guimarei; no BNG teimamos en recuperar o noso patrimonio, que o alcalde está empeñado en deixar caer nunha silveira”, explica o concelleiro do BNG.

O BNG tamén aposta pola mellora da seguranza vial nas estradas competencia da Xunta de Galiza. Segundo explicou Xoán Reices, “a mellora do acceso ao centro de saúde do Souto de Vea é unha emenda que vimos presentando desde 2009, data na que o Parlamento Galego o aprobou por unanimidade de todas as forzas políticas, máis desde aquela o PP nada fixo”.

“Tamén insistimos no arranxo do acceso á PO-214 que vai a Pontecesures en Baloira”, explica, “cremos que é importante mellorar a seguranza vial neste punto, que ten causado graves accidentes de tráfico.” “Neste vial tamén propoñemos á Xunta á mellora do sinuoso trazado desta estrada”, explica.

“E por último, e non menos importante”, tamén seguimos insistindo na Cidade do Moble”, explica Reices. “Hai poucos meses, coincidindo coas eleccións, o alcalde volveu sacar este asunto, mais a día de hoxe nada se sabe; cremos que xa vai sendo hora de sacar do caixón esta infraestrutura sectorial, que cremos importante para o sector do moble e da madeira”, indica.

Publicacións Relacionadas