HomeTabeirósA EstradaXoán Reices: «Podemos derrotar ao PP»

Xoán Reices: «Podemos derrotar ao PP»

- Anuncio -spot_img

«Non nos deixemos cegar polo cemento nin polas luces de neón dos centros comerciais; A Estrada non vai ben e hai un culpábel desta situación: o PP de López»

Esta mañá militantes e simpatizantes do BNG da Estrada acompañaron a Xoán Reices na súa primeira comparecencia de prensa como cabeza de lista da organización nacionalista para as vindeiras eleccións municipais, e a Susana Camba, actual concelleira.

O candidato do BNG iniciou a súa comparecencia agradecendo á militancia que “confiou en min” e engadiu que “ser o cabeza de lista do BNG nas vindeiras eleccións é un reto de grande responsabilidade que afronto con ilusión. Porei todo da miña parte para sacar uns magníficos resultados, mais sei que non vou estar só nesta tarefa: conto cos compañeiros e compañeiras, cos simpatizantes da nosa organización; conto cos veciños e veciñas da Estrada.”

Xoán Reices referiuse tamén ao programa electoral que se elaborará ao longo dos vindeiros meses, nos que, afirmou “temos un intenso traballo por diante; en primeiro lugar polo programa electoral que ten que estar á altura das necesidades do noso concello; das necesidades dos veciños e veciñas. Un programa centrado na posta en valor das noso patrimonio cultural e inmaterial, que aposte pola industria da madeira como motor de emprego, que aposte por unha vila verde, cuxas actuacións vaian máis alá da rúa Calvo Sotelo. Será un programa que poña o rural no centro, con servizos públicos e eficientes, un rural que permita aos veciños e veciñas vivir e traballar.”

O cabeza de lista tamén se marca como obxectivo para os vindeiros meses “conformar unha candidatura que estea á altura dos grandes retos do programa electoral; unha candidatura na que se sintan representados todos os veciños e veciñas, apostando pola mocidade que é o motor do futuro, mais tamén recollendo toda a experiencia acumulada ao longo dos 40 anos que ten a nosa organización.”

A Estrada non vai ben

O cabeza de lista do BNG tamén se referiu a situación do concello e ao goberno municipal. Neste sentido, Xoán Reices apuntou que “hai quen di que o PP de López teno doado para ganar as vindeiras eleccións municipais. Eu non o creo. Non nos podemos deixar cegar polo cemento da Alameda nin polas luces de neón dos grandes centros comerciais apadriñados por López. Si, temos un Mercadona e Lidl, pero A Estrada non vai ben. Non hai máis dar un paseo polas rúas para ver baixos pechados, edificios baleiros postos á venda enteiros, edificios públicos abandonados, caos circulatorio e chapuza tras chapuza…”

“Por outra parte,”, engadiu o candidato nacionalista, “o PP de López leva gobernando 11 anos e durante todo este tempo non foi quen de facer nin un só saneamento no rural, para o que só miran para cando chegan as eleccións.”

“O dito,” afirmou Reices, “A Estrada non vai ben e hai dous responsábeis: López e o seu partido, o PP, que non teñen proxecto nin ideas para poñer o noso concello no carreiro do futuro.”

O candidato nacionalista rematou a súa intervención afirmando que “imos a por todas nas eleccións municipais! Non nos poñemos límites. Con ilusión e traballo, é posíbel mandar ao baúl da historia A Estrada gris do PP.”.

Pola súa parte, Susana Camba, actual concelleira do BNG, explicou que “xa hai uns meses que informei ao consello local que razóns de índole persoal e profesional impedíanme ser a candidata do BNG nas eleccións municipais”. “Con todo”, engadiu, “continuarei como concelleira até o final do mandato e estou a disposición de Xoán Reices para botar unha man no que sexa posíbel co obxectivo de impedir que o PP teña outra vez maioría absoluta”.

Publicacións Relacionadas