Turismo de Galicia leva investidos desde 2029 máis de 4M€ en distintas actuacións do xeodestino Deza-Tabeirós
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, defendeu esta mañá unha actuación coordinada en todo momento en relación coa xestión do Camping de Medelo, no Concello de Silleda. De feito, reiterou que se se están mantendo reunións para dar unha saída a estas instalacións analizando un novo uso para o antigo camping.
Así, tras sinalar que o complexo permanece pechado de xeito permanente desde 2013, Turismo de Galicia non faltou ás súas responsabilidades de limpeza e mantemento e intentou ademais incrementar o uso da parcela na procura de novas funcionalidades.
Xosé Merelles destacou ademais os numerosos contactos mantidos co Concello de Silleda ao longo de todos estes anos para avaliar distintos proxectos encamiñados á apertura da instalación, cun alto custe de investimento para a rehabilitación dos edificios entre outras actuacións.
En relación á aposta que fai o Goberno galego no ámbito turístico, salientou que desde o ano 2019 se levan investidos máis de 4M€ en distintas actuacións no xeodestino Deza-Tabeirós para mellorar as súas infraestruturas, apoiar as festas de interese turístico e mantemento e conservación do Camiño de Santiago, entre outras.