Ante preto de 200 persoas, o deputado de Xuventude e Cultura, Jorge Cubela, remarcou que “non hai máis que ver o cheo que está este Salón de Plenos para ter claro que estas xornadas eran moi necesarias e moi demandadas pola xuventude desta provincia”
A Deputación acaba de pechar o II Encontro Pontevedra Literaria. Xuventude e Artes enchendo con case 200 persoas o Pazo provincial de mocidade e cultura para coñecer, de primeira man, a experiencia de escritores da talla de Ledicia Costas, Jorge Volpi, Laura Ferrero e Manuel Jabois. O deputado de Xuventude e Cultura, Jorge Cubela, remarcou que “non hai máis que ver o cheo que está este Salón de Plenos para ter claro que estas xornadas eran moi necesarias e moi demandadas pola xuventude desta provincia”.
O Encontro Pontevedra Literaria. Xuventude e Artes naceu o pasado ano para dar resposta ao interese amosado pola mocidade nas iniciativas de creación literaria e artística. “Sentímonos moi orgullosos desta iniciativa que xurdiu da escoita activa e para dar resposta ás inquedanzas da xente nova da provincia de Pontevedra, que ano tras ano presenta un maior número de traballos para optar aos Premios Provinciais da Xuventude”, asegurou o deputado.
Tralo paso de Ledicia Costas e Jorge Volpi o xoves para afondar nas razóns que motivan a escribir, na última das sesións do II Encontro Pontevedra Literaria. Xuventude e Artes déronse cita Laura Ferrero e Manuel Jabois para analizar cuestións relacionadas co xornalismo e a ficción. Ambas xornadas foron presentadas pola xornalista Paula Montes e contaron coa música de Andrea García ao piano.
Esta segunda edición do encontro, baixo o lema “Escribir o que non se ve”, contou coa maior demanda das dúas o que motivou á Deputación de Pontevedra a trasladar, por límites de aforo, as sesións desde o Museo ao Salón de Plenos do Pazo provincial. Ao respecto, o deputado provincial Jorge Cubela remarcou a vontade de repetir Pontevedra Literaria. Xuventude e Artes co obxectivo de “seguir dando pasos cara adiante, tendendo a nosa man á nosa mocidade e traballando, con forzas, para que vaia, como esta provincia, sempre a máis”.



