HomeSin categoríaA Deputación recibe en Guimarães un novo recoñecemento para Cando volves?, que...

A Deputación recibe en Guimarães un novo recoñecemento para Cando volves?, que se sitúa entre as cinco mellores películas do mundo nos World Tourism Film Awards, os “Óscar” do turismo

- Anuncio -spot_img

O deputado de Turismo, Jesús Vázquez Almuíña, recolleu este galardón que revalida a creatividade, calidade técnica e forte impacto promocional da campaña de promoción turística da provincia impulsada polo organismo provincial neste 2025

Ao longo do ano, Cando volves? recibiu premios en festivais de audiovisuais turísticos celebrados en Grecia, Francia, España, Estados Unidos, Sudáfrica e Xapón

A Deputación de Pontevedra recibe en Guimarães un novo recoñecemento para Cando volves?, que acaba de situarse entre as cinco mellores películas do mundo na 37ª edición dos World Tourism Film Awards, organizados polo CIFFT e coa participación de UN Tourism, e que están considerados como os “Óscar” do turismo, a máxima distinción internacional no ámbito audiovisual turístico. O deputado de Turismo, Jesús Vázquez Almuíña, recolleu este galardón no Teatro Jordão da cidade portuguesa, que revalida a creatividade, calidade técnica e forte impacto promocional da campaña de promoción turística da provincia impulsada polo organismo provincial neste 2025.

Ao longo de todo o ano, a peza da institución provincial competiu no CIFFT, o principal circuíto mundial dedicado á comunicación turística audiovisual, con máis de 4.000 filmes de máis de 50 países. Só as cinco producións mellor puntuadas en cada categoría, cidade, rexión, país, produto turístico e servizo turístico, alcanzan o prestixioso top 5 mundial que se acaba de desvelar en Guimarães e a campaña Cando volves? quedou segunda na categoría de produto turístico. Este novo recoñecemento para a campaña turística da Deputación súmase aos xa acadados no Amorgos Tourismo Film Festival (Grecia), Cannes Corporte Media & Tv Awards (Francia), Terres Travel Festival – Film & Creativity (España), US International Awards (Estados Unidos), International Tourism Film Festival (Sudáfrica) e Japan World´s Tourism Film Festival (Xapón).

Cando volves? é unha obra audiovisual na que os lugares do interior da provincia teñen todo o protagonismo, dentro dunha campaña onde tamén se fala da hospitalidade e o carácter acolledor da xente da provincia. A Deputación escolleu este ano o interior de Pontevedra, convidando á xente a achegarse á provincia e a facelo ao longo de todo o ano, tendo tamén en conta que a desestacionalización é un dos obxectivos principais do goberno provincial no marco da súa estratexia turística.

Publicacións Relacionadas