Foi denunciado por circular por zona peonil, inmobilizóuselle o vehículo e impúxoselle unha sanción de 1.000€
O concelleiro Telmo Ucha avanza que a Policía Local velará polo cumprimento da nova normativa destes vehículos, que acaba de entrar en vigor
A Policía Local do Concello de Ourense impuxo este domingo unha sanción a un condutor dun vehículo de mobilidade persoal (patinete eléctrico) que circulaba pola rúa do Paseo, zona peonil, con presenza de drogas no seu organismo. Esta é a primeira sanción que a policía municipal lle impón a un condutor destes vehículos de mobilidade persoal desde a entrada en vigor, a comezos deste ano, da nova normativa que regula o uso destes vehículos.
O condutor do patinete foi identificado ás 13:13h do día 03.01.2021 cando circulaba diante do número 23 da rúa do Paseo. A Policía Local denunciouno primeiro por circular por zona peonil. A continuación, realizóuselle a proba de drogas e resultou positivo en THC e anfetaminas. A Policía Local inmobilizoulle o patinete por consumir drogas. Estes feitos constitúen unha infración grave da Lei de Seguridade Vial, polo que a sanción terá un importe de 1.000 euros.
A Policía Local estreitará o cumprimento da nova normativa, que entrou en vigor o día 2 de xaneiro, que regula a circulación dos patinetes, redefinidos no código de circulación como vehículos de mobilidade persoal como “vehículos dunha ou máis rodas dotados dunha única praza e propulsados exclusivamente por motores eléctricos que poden proporcionarlle ao vehículo unha velocidade máxima por deseño comprendida entre 6 e 25 km/h”. Ao ser considerados vehículos, non está permitido circular con patinete electrico polas beirarrúas e polas zonas peonís.
O concelleiro de Seguridade Cidadá do Concello de Ourense, Telmo Ucha, asegura que a Policía Local de Ourense permanecerá “especialmente vixilante do cumprimento desta normativa coa finalidade de concienciar e supervisiar que non se utilicen estes vehículos nas zonas onde non están permidos. Queremos contribuír así á mellor convivencia de peóns e vehículos na cidade, e priorizando sempre a parte máis débil, que é o peón”, asegura.