- O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo destacou hoxe en Ponteareas que, coa nova convocatoria que hoxe se publica no Diario Oficial de Galicia, o Goberno galego dá resposta á elevada demanda e ao éxito da orde nos últimos anos
- Animou ás entidades veciñais presentes nun acto conmemorativo ás beneficiarias do ano pasado a presentar as súas solicitudes tamén neste 2025
- As achegas poden acadar a totalidade do investimento realizado cun límite máximo por entidade de 12.000 euros para a realización de obras nos locais sociais de asociacións de veciños e de mulleres rurais ou en instalacións de traídas de auga de comunidades de usuarios de augas e de 5.000 euros para dotación de equipamento
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, animou hoxe ás entidades veciñais do concello de Ponteareas a presentar as súas solicitudes á orde de axudas do Plan específico comunitaria destinada a estes colectivos, así como a asociacións de mulleres rurais e comunidades de usuarios de augas, que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia.
Fíxoo nun acto xunto á directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, no que se entregou unha placa ás nove comunidades de usuarios de augas de Ponteareas beneficiarias destas axudas o ano pasado e no que estiveron presentes outros colectivos veciñais do municipio.
Diego Calvo lembrou que os orzamentos da Xunta deste 2025 reservan unha partida de 4 millóns de euros -un millón máis que este ano cun incremento do 33,3%- para estas subvencións anuais, o que supón unha cifra histórica. Nesta liña, explicou que con este aumento orzamentario, a Xunta busca recoñecer o papel fundamental destas entidades “na dinamización da vida social e cultural, na mellora da calidade de vida da cidadanía en canalizar e trasladar as súas peticións, xa que son as entidades máis próximas aos seus veciños e veciñas”.
As entidades que desexen optar á orde deste ano, como lles explicou o conselleiro, deberán presentar as súas solicitudes de maneira obrigatoria a través da sede electrónica da Xunta https://sede.xunta.gal no prazo dun mes desde mañá.
As asociacións deberán estar inscritas no rexistro de asociacións da comunidade no caso das entidades veciñais e de mulleres rurais e no libro de rexistro de augas do correspondente organismo de bacía como titulares de aproveitamento de augas no caso das comunidades de usuarios de augas. Todas elas deberán conter na súa denominación a identificación como asociación de veciños, federación, confederación ou unión de asociación de veciños ou como asociación de mulleres rurais.
O Goberno galego dá resposta co aumento de orzamento ao éxito desta convocatoria nos últimos anos e á elevada demanda, como se fixo o ano pasado coa concesión de 3 millóns de euros para 341 proxectos de obras e equipamento en locais sociais o nas traídas de auga. Como destacou o conselleiro, desde a posta en marcha da medida, en 2016, a Xunta investiu preto de 22 millóns de euros en case 2.000 iniciativas.
Segundo recolle a resolución do DOG, as subvencións contan con dúas liñas. Da contía total, 3,4 millóns destínanse a obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais de asociacións de veciños e de mulleres rurais, con actuacións como a eliminación de barreiras arquitectónicas ou melloras en estruturas, fachadas, cubertas, parámetros interiores, ventás, teitos ou obras de fontanería, sistemas de climatización, saneamento ou electricidade.
No que se refire ás instalacións das traídas de auga comunitarias promovidas por comunidades de usuarios de augas actúase en obras sobre captacións, canalizacións e depósitos destinadas a reducir as perdas de auga e noutros traballos cos que mellorar a xestión, medición ou control da calidade da auga ou optimizar a eficiencia enerxética na traída.
Os 600.000 euros restantes investiranse en apoio á dotación de equipamento para o funcionamento destas entidades e a organización de actividades específicas, o que inclúe a adquisición de mobiliario, equipamento informático ou equipamento acústico e audiovisual.
Deste xeito, poderán ser obxecto de subvención os gastos ocasionados como consecuencia de investimentos realizados en inmobles da titularidade das entidades solicitantes ou sobre os que teña dereito de uso, no caso das asociacións de veciños e de mulleres rurais, así como os equipamentos necesarios para o seu funcionamento, todos eles orientados ao cumprimento dos fins da entidade e o seu funcionamento ordinario, e as obras nas traídas de auga comunitarias.
As axudas económicas que se concedan poderán acadar a totalidade do investimento realizado cun límite máximo por entidade de 12.000 euros para a realización de obras e de 5.000 euros para a dotación de equipamentos.