As instalacións do Centro Residencial Docente de Ourense e o IES Universidade Laboral quedan mais baleiras pola marcha onte e hoxe dos grupos de Xeorxia e Ucraína
A partida anticipada das dúas agrupacións xerou un excedente de comida que foi entregado ás brigadas que loitan contra os incendios na zona do Avia
Das 16 actuacións previstas nestas Xornadas finalmente, e por mor da situación na provincia cos incendios, só tiveron lugar ás de Allariz, Bande, Maceda, O Barco e Entrimo
Ourense, 19 de agosto de 2025.
Os compoñentes das agrupacións folclóricas de Xeorxia e Ucraína, que formaron parte do programa destas 40 Xornadas xunto a Arxentina, Chile, Irlando do Norte e Filipinas, comezaron onte o regreso aos seus países de orixe nunhas despedidas cheas de emoción. O resto abandonarán a provincia ao longo de mañá mércores e o xoves, algúns para actuar en outros festivais folclóricos.
As seis agrupacións participantes este ano amosaron o seu pesar pola suspensión das actuacións, aínda que sinalaron “comprender” perfectamente a grave situación da provincia que obrigou a cancelación dos espectáculos. Bailaríns e músicos aseguraron quedar cun sabor “agridoce” coa experiencia. Por unha banda, porque non tiveron ocasión de ensinar o seu folclore, pero por outra resaltaron a “boa convivencia e a experiencia” e só expresaron verbas de agradecemento para a organización e o trato recibido.
A marcha anticipada dos grupos de Xeorxia e Ucraína, que contaban con autobuses propios, propiciou un excedente de comida que a organización xestionou para que chegase ás brigadas que loitan contra os incendios na zona do Avia.
O corenta aniversario das Xornadas non puido finalmente celebrarse como estaba previsto e dos 16 festivais organizados só tiveron lugar cinco: Allariz, Bande, Maceda, O Barco e Entrimo.
As Xornadas están organizadas pola Deputación de Ourense, a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e dos diferentes concellos anfitrións.