O Concello de Covelo quere reiterar hoxe, e tódolos días do ano, a súa condena máis firme e absoluta contra calquera forma de violencia exercida contra as mulleres. Condenamos cada agresión e a quen a comete, pero tamén a quen intenta negar, minimizar ou xustificar esta realidade.
O negacionismo non só supón unha falta de respecto á memoria das vítimas, senón que deixa en situación de maior vulnerabilidade ás mulleres que sofren violencia e debilita o compromiso colectivo imprescindible para combatela. Negar ou relativizar a violencia machista contribúe á súa continuidade e, fronte a iso, as institucións debemos manter unha posición clara, unida e firme.
O Concello de Covelo asume este compromiso e continuará traballando cada día para avanzar cara a unha sociedade libre de violencias machistas.
No último Pleno municipal, o Concello aprobou por unanimidade a declaración institucional da FEGAMP contra a violencia machista, un texto que condena con rotundidade tódalas violencias exercidas contra as mulleres, así como o machismo e calquera forma de negacionismo. Sobre esta cuestión, o alcalde de Covelo, Juan Pablo Castillo Amigo, destacou o apoio da corporación municipal ás vítimas e o compromiso de seguir actuando desde o ámbito local na prevención, sensibilización e atención fronte a esta grave realidade social.
Como parte dos actos programados onte polo 25N, ás 13:15 horas realizouse a lectura pública da declaración da FEGAMP e gardouse un minuto de silencio en memoria das vítimas na entrada do CEIP Antonio Blanco Rodríguez de Covelo. O acto contou coa participación da comunidade educativa, representantes municipais e veciñanza.
Proxectos de sensibilización no CEIP Antonio Blanco Rodríguez
No marco desta data, o CEIP Antonio Blanco Rodríguez está a desenvolver, en colaboración co Concello, un conxunto de accións educativas para a prevención da violencia de xénero.
O alumnado de 6º de Educación Primaria participa no proxecto “10 meses, 10 cambios”, unha iniciativa de sensibilización e prevención incluída nas axendas escolares financiadas polo Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Cada mes trabállase un propósito vinculado á igualdade e ao bo trato.
O alumnado máis maior está a prepararse en conceptos fundamentais como que é a violencia de xénero, os seus diferentes tipos e os seus impactos sociais, para posteriormente transmitir estes coñecementos ao resto do alumnado do centro.
Ademais, nas próximas semanas realizaranse actividades e obradoiros sobre diversidade sexual, financiados pola Deputación de Pontevedra, dirixidos a tódalas etapas educativas. De forma paralela, continúa o Ciclo de Cine pola Igualdade, tamén financiado pola Deputación, con sesións acompañadas de obradoiros específicos para fomentar a reflexión e a educación en valores igualitarios.
Con iniciativas como esta, Covelo procura fortalecer o labor institucional e social contra a violencia de xénero, promovendo unha mensaxe clara e inequívoca: en Covelo, as mulleres non están soas.



