• O xefe do PP demanda a construción do pavillón polideportivo da Parda ou a redefinición do proxecto de Monte Porreiro para “responder as necesidades de todos os clubs que compiten en condicións precarias”
• Propón que se destinen parte dos fondos autonómicos a mellorar a rede de saneamento municipal de barrios e parroquias, ademais de eliminar as verteduras de pluviais e fecais ao Lérez
O presidente e portavoz municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, esixiu ao goberno local do BNG que aproveite a oportunidade que lle brinda a Xunta de Galicia, que pon ao dispor do Concello 3 millóns de euros para investir en proxectos deportivos e de saneamento na cidade, para “actuar con responsabilidade e destinar eses fondos económicos a iniciativas que beneficien ao máximo número posible de pontevedreses”.
O líder do PP demandou ao alcalde de Pontevedra, #Miguel Anxo Fernández Lores, que utilice esta achega económica “con intelixencia” para mellorar a rede de saneamento municipal e dotar aos clubs deportivos de base dos recursos necesarios para emendar a carencia de instalacións municipais que existe, desde hai anos, na capital da provincia.
Neste ámbito do deporte, o líder popular ha demandado a “construción do pavillón polideportivo da Parda – que Lores leva prometendo realizar desde a década dos 2000 – ou a redefinición do proxecto de Monte Porreiro, que dea un salto de nivel ao tenis de mesa pero que se amplíe para dar resposta ás necesidades do conxunto de clubs deportivos de base, que compiten en condicións precarias.
“É imprescindible apostar por unha estratexia común para dotar a Pontevedra de instalacións deportivas modernas e multidisciplinares. Oxalá puidésemos crear pavillóns exclusivos para cada disciplina, pero debemos emendar o déficit de espazo, infraestruturas e dispoñibilidade horaria actual”, argumentou.
Respecto ao saneamento, Domínguez propuxo que se destinen parte dos fondos autonómicos a modernizar as infraestruturas hidráulicas, priorizar a eliminación das verteduras de pluviais e fecais ao Lérez, así como mellorar o sistema de rede de sumidoiros coa optimización das estacións de bombeo. “O atraso no saneamento das parroquias non pode seguir sendo unha materia pendente. O compromiso co medio ambiente empeza por garantir unha rede eficiente e respectuosa cos nosos ríos e a nosa contorna natural”, destacou.
O xefe de filas do PP local ha querido eloxiar o compromiso da Xunta, liderada polo pontevedrés Alfonso Rueda, coa cidade, financiando proxectos transcendentais para o futuro como o Novo Montecelo em o ámbito sanitario, o Centro de Alto Rendemento (CAR) para o impulso deportivo, a reforma integral do Pazo de Lourizán como aposta patrimonial, as obras de mellora no IES Valle Inclán, as 236 vivendas públicas en fase de execución ou tramitación, a senda Mollavao-Vos Praceres, a reforma da PO-531 ao seu paso por Campañó, as sendas peonís en Xeve ou a próxima renovación da iluminación da ponte medieval de Ponte Sampaio.
“Con lealdade política e colaboración institucional, é posible mellorar a calidade de vida dos nosos veciños. A Xunta está a realizar un esforzo titánico para impulsar o crecemento de Pontevedra, pero é imprescindible contar cun goberno local á altura das circunstancias, capaz de xestionar con responsabilidade e eficacia os 3 millóns de euros que Rueda pon ao dispor de todos os pontevedreses”, concluíu Domínguez.