A programación inclúe, ademais, de tres concertos ao longo do ano, diferentes actividades como o encontro con José Rafael Pascual-Vilaplana, director das Bandas Municipais de Barcelona e Bilbao e considerado referente europeo da dirección bandística, o 30 de maio na sede da Deputación en Vigo
“Vigo precisa citas culturais de referencia, necesita impulsar o talento local dos seus músicos e apoiar este tipo de iniciativas é a maneira de fomentar máis e mellor programación cultural para esta cidade”, asegurou a vicepresidenta
A Sede de Vigo da Deputación de Pontevedra acolleu esta mañá a presentación oficial da temporada 2025 da Banda Filharmónica de Vigo, un proxecto pioneiro que nace co obxectivo de situar a cidade como referente da música bandística de alto nivel. A vicepresidenta provincial, Luisa Sánchez, mostrou no acto de presentación o compromiso da Deputación de Pontevedra con esta nova agrupación, así como co impulso da cultura e co apoio a iniciativas que promoven o talento e a excelencia artística na contorna.
“Vigo precisa citas culturais de referencia, necesita impulsar o talento local dos seus músicos e apoiar este tipo de iniciativas é a maneira de fomentar máis e mellor programación cultural para esta cidade”, asegurou a vicepresidenta. Neste eido, Luisa Sánchez agradeceu aos promotores da banda “todos eles músicos de Vigo e a súa contorna, a súa implicación e o seu interese por dar un paso máis no ámbito das bandas de música”.
A programación da temporada 2025 da Banda Filharmónica de Vigo, que se deu a coñecer o pasado mes de decembro cun concerto de presentación baixo a dirección de Óscar Navarro, inclúe tres concertos de gran nivel, cada un dirixido por recoñecidos mestres internacionais. O primeiro deles terá lugar o vindeiro 31 de maio no Auditorio do Centro Cultural de San Miguel de Oia baixo o título “Bailando ao Vento”, e estará dirixido por José Rafael Pascual-Vilaplana, director das Bandas Municipais de Barcelona e Bilbao e considerado un referente europeo da dirección bandística. Pascual-Vilaplana ofrecerá ademais unha charla aberta ao público que terá lugar o 30 de maio ás 18:00 horas na propia Sede da Deputación en Vigo.
O segundo concerto, “A Conexión Belga”, celebrarase o sábado 20 de setembro ás 19:00 horas, tamén no Auditorio do Centro Cultural de San Miguel de Oia, e contará coa dirección do compositor e director belga Bart Picqueur, O programa incluirá obras propias do mestre Picqueur, nunha homenaxe á relación cultural entre Bélxica e Galicia.
A tempada pecharase co concerto “Grandes Mestres: Johan de Meij”, o sábado 29 de novembro ás 19:00 horas, novamente no mesmo auditorio. Neste encontro, a banda será dirixida polo compositor neerlandés Johan de Meij e será un monográfico da súa obra, ofrecendo ao público vigués a oportunidade única de escoitar en directo algunhas das súas composicións máis emblemáticas.