O presidente provincial valorou este histórico investimento nunha comparecencia conxunta co subdelegado do Goberno, Eladio Santos, así como alcaldes e alcaldesas de Valdeorras, lembrando que “inicialmente este Plan de Acción Integral estaba valorado en 10 millóns de euros e debemos poñer todo o noso empeño en acadar ese 30% que nos falta”
Luis Menor avanzou tamén no gran obxectivo global destas accións: fixar poboación, atraer investimentos e ofrecer novas oportunidades de desenvolvemento. “En definitiva, unha aposta compartida cos concellos por un modelo de territorio máis forte, unido e sostible. “Que Valdeorras avance sen deixar a ninguén atrás”, sinalou.
A Casa Grande de Viloira acolleu esta mañá unha comparecencia conxunta na que participaron o presidente provincial, Luis Menor; o subdelegado do Goberno, Eladio Santos; e o rexedor do Barco, Aurentino Alonso, coa presenza de representantes municipais dos nove concellos da comarca de Valdeorras. O obxecto primordial foi valorar a importancia do PAI Valdeorras “Polos Camiños do Sil”, sobre o que precisamente Menor recalcou que este Plan de Acción Integral “é moito máis que un investimento de máis 7,2 millóns de euros, cunha axuda europea que supera os 4,3 millóns, é unha panca de futuro para toda a comarca”.
Lembrou Menor que este PAI inicialmente estaba valorado en 10 millóns de euros. Faltando “un 30% dese proxecto inicial”, sinalou Menor, quen anunciou a intención de “completar esa proposta” mediante a axilización que suporá que a Deputación asuma a tramitación destes proxectos e abrir a vía para que outras administracións poidan cofinanciar este proxecto, “porque impórtame tanto a execución do conseguido, como conseguir o que faltaría a día de hoxe por executar e completar o proxecto”. Tamén puxo sobre a mesa a posibilidade de que a Deputación complete eses fondos “para non cargar máis aos concellos e poder executar o proxecto na súa totalidade”.
Explicou Menor que este PAI é unha folla de ruta deseñada desde a Deputación de Ourense, co apoio de fondos europeos, e con carácter comarcal, que agrupa aos nove municipios de Valdeorras nunha estratexia común que busca reforzar a cohesión social, impulsar a diversificación económica e mellorar a sustentabilidade ambiental. Lembrou que, xunto ao PAI de Ourense Sur, supón o maior investimento con fondos europeos acadado pola institución provincial (14 millóns de euros), seguido polo do PERTE da Auga que foron 13 millóns.
Na comparecencia explicáronse tamén as accións do PAI “Os Camiños do Sil”, centradas en recuperar roteiros históricos como o Camiño de Inverno, que servirá para poñer en valor o patrimonio cultural e turístico da comarca; programas de rexeneración urbana; habilitación de vivendas públicas en concellos como O Bolo, A Rúa ou Petín, con especial atención ás persoas maiores e á mellora dos servizos sociais; mobilidade sostible, cunha rede de bicicletas eléctricas; mellora das marxes fluviais do río Sil no Barco e Sobradelo; modernización e dixitalización do comercio local; e actuacións de prevención de incendios e adaptación ao cambio climático, desgraciadamente tan oportunas despois dos lumes do verán.
Deste xeito, Luis Menor avanzou tamén no gran obxectivo global destas accións: fixar poboación, atraer investimentos e ofrecer novas oportunidades de desenvolvemento. “En definitiva, unha aposta compartida cos concellos por un modelo de territorio máis forte, unido e sostible. “Que Valdeorras avance sen deixar a ninguén atrás”, sinalou.
O presidente provincial quixo poñer en valor a importancia da cooperación institucional para a consecución deste importante investimento para toda a comarca. “Nada disto sería posible sen o esforzo conxunto, todos tivemos culpa deste éxito”, dixo, ao tempo que recalcou que os fondos europeos “ofrécennos unha oportunidade histórica, pero o verdadeiramente importante é como os transformamos en benestar e mellora da calidade de vida para as persoas”. Neste senso, Menor lembrou o compromiso da Deputación de Ourense, “que quixo estar —como sempre— ao lado dos concellos, das asociacións, do tecido produtivo e da cidadanía.