A corporación municipal do Concello de Bueu celebrou este xoves, 30 de xaneiro, un pleno extraordinario no que se aprobou un recoñecemento extraxudicial de créditos e a adhesión ao programa + Rueiro da Deputación de Pontevedra.
A sesión, fixada para as 9.30 horas da mañá, comezou co debate arredor do convenio coa Deputación de Pontevedra do proxecto de transformación dixital e modernización do censo de vivendas (Proxecto +Rueiro) que se aprobou por unanimidade. Xa neste asunto, Elena Estévez, voceira do PP, tomou a palabra para mostrar o malestar do grupo por esta convocatoria “pois creo que se debería consensuar con toda a corporación, xa que parece que todo se fai de sorpresa”.
A continuación desenvolveuse o debate máis longo, que foi arredor do recoñecemento extraxudicial de créditos, polo que se aprobou cos votos a favor do BNG e PSOE e en contra do PP o pagamento de 965.347,86 € en facturas.
Xosé Leal, concelleiro de facenda, subvencións e contratación pública, defendeu que “este recoñecemento, que é o primeiro deste ano, faise para poder pagar as facturas que quedaron pendentes de servizos prestados no 2024, así como do aboamento da taxa pola recollida de lixo dos últimos meses á Mancomunidade de Concellos do Morrazo”. A proposta está integrada por tres partes: a primeira fai referencia ás facturas presentadas no 2024 e que quedaron pendentes de pagamento, cun importe de 694.549,06 euros; a segunda, de 219.632,18 euros, é relativa ao pagamento dos meses de outubro, novembro e decembro do 2024 de SOGAMA pola recollida dos residuos; e xa por último, cun importe de 51.166,62 euros, recoñécense as facturas presentadas neste ano 2025 pero que se corresponden con servizos do 2024. Leal fixo alusión a que “temos que cumprir cos provedores locais” e que “o problema que temos é que as administración locais porque non temos o que precisamos para levar a cabo os servizos que son competencias alleas”.
Elena Estévez recriminoulle ao goberno que “as cousas non se están facendo ben” e que o problema, tal e como se advirten nos informes de intervención, é que non se tramitaron os gastos como se tiñan que ter tramitado e que “bátese récord en recoñecementos”.
Félix Juncal, alcalde da vila, remarcou na súa intervención que “o Concello está na dinámica correcta de crecemento sostible e que onde o PP ve desastre nós vemos políticas sociais para a cidadanía”. Ademais, o rexedor volveu lembrar que “dende o 2020 no Concello non temos débeda financeira e por primeira vez non tivemos que contratar ningunha operación de tesourería por primeira vez”.