HomeO MorrazoBueuO concello de Bueu presenta o libro "Os Bolechas van a Bueu...

O concello de Bueu presenta o libro “Os Bolechas van a Bueu nun bou”

- Anuncio -spot_img
  • As concelleiras e concelleiros do goberno local realizaron este mércores un reparto de exemplares polos centros educativos de primaria
  • A publicación pon en valor a historia, a etnografía, a natureza, os costumes e a cultura de Bueu

O Concello de Bueu vén de editar o libro Os Bolechas van a Bueu nun bou, unha publicación na que se destacan diferentes aspectos da historia e cultura de Bueu, á vez que se fomenta o galego dentro da cativada. Este mércores fíxose un reparto polos centros de primaria por parte das concelleiras Carmen García, de cultura e normalización lingüística, Silvia Carballo, de promoción económica e turismo, Isabel Quintás, de ensino, e Alberto Moital, de patrimonio cultural.

Os nenos e nenas de infantil, 1º, 2º e 3º de primaria do CEIP Montemogos, CEIP A Pedra, CEIP Torre Cela e CPR Virxe Milagrosa levaron cadanseu libro, e ademais deixáronse exemplares nas bibliotecas escolares, coma unha forma de que esta publicación chegue a todos os públicos.

O libro, que forma parte da colección de Bolanda creada por Pepe Carreiro, propón unha viaxe dos coñecidos e queridos personaxes dos Bolechas pola vila, parroquias, lugares, tradicións e festas de Bueu. No seu percorrido estarán acompañados de diversos amigos e amigas que levan nomes inspirados en Bueu, como Xexide, Xaquín, Sar, Bon, Sabarigo, Amaedio, Martiño e María. E tamén aparecen espazos recoñecibles na vila, como a biblioteca municipal ou a Praza de Abastos, a festas como a de San Martiño, a do polbo ou a Romaría das Letras de Sanamedio, pero tamén a outras tradicións que son unha homenaxe á cultura e historia locais, como o viño Tinta Femia, os lavadoiros ou a carpintería de ribeira de Purro. Non se esquece tampouco a fauna e a flora, e por iso aparecen os lagartos arnaus, con tanta presenza en Cabo Udra, e as aves mariñas.

A edición e creación do libro levouse a cabo con dúas subvencións da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra, e forman parte das propostas de normalización e dinamización lingüística do goberno local bueués.

Publicacións Relacionadas