HomeTerra de CaldelasCastro CaldelasO concello de Caldas de Reis propón unha programación do 8M con...

O concello de Caldas de Reis propón unha programación do 8M con actividades para todos os sectores da poboación

- Anuncio -spot_img

O Goberno local busca implicar á veciñanza, poñendo o foco no eido educativo e social, á hora de promover unha sociedade igualitaria, sen discriminacións de xénero

Espectáculos para todos os públicos, a proxección da exitosa curtametraxe ‘Pura’, obradoiros nos centros educativos ou a tradicional Andaina Pola Igualdade forman parte do programa, que se prolongará durante todo o mes de marzo

A concelleira de Igualdade, Rocío Ferro, e o alcalde, Jacobo Pérez, deron a coñecer a programación organizada polo Concello con motivo da conmemoración do Día da Muller, que inclúe unha serie de actividades dirixidas a diferentes sectores da poboación. Obradoiros no eido educativo, unha excursión ou a proxección dunha curtametraxe, ademais da tradicional andaina, forman parte das iniciativas propostas polo Goberno local co obxectivo de promover e consolidar a igualdade entre homes e mulleres en todos os ámbitos da sociedade, poñendo especial énfase nas idades máis temperás.

Precisamente, as primeiras propostas desenvolveranse nos centros educativos. Este é o caso de ‘Nin un biquiño á forza’, dirixido ao alumnado de 3º e 4º de Primaria. Impartido por unha experta en xénero e relacións afectivas, o que se busca é promover entre as crianzas o respecto cara si mesmos e cara os demais, a través do recoñecemento das emocións, a aprendizaxe do consentimento e os valores da igualdade, como base para relación afectivas saudables e libres de violencia. O xoves 5 e o venres 6, ademais, terá lugar o espectáculo
‘Elas sempre contan’, para todos os alumnos e alumnas de Primaria. O primeiro pase será no CPI San Fermín e no CEIP San Clemente, mentres que o venres desenvolverase nos CPR La Enarcanción e CPI Alfonso VII. Trátase dunha ‘performance’ de narración oral, a través de contos de autores como Adela Turín, Ledicia Costas ou Raquel Díaz Reguera, para desmontar os estereotipos que nos limitan desde a nenez.

O propio domingo 8 de marzo, ás 10.15 horas partirá unha nova edición da Andaina pola Igualdade, con saída do Paseo Román López. Trátase dunha actividade gratuíta, que require de inscrición previa no correo inscripcionesnaturgaliz@gmail.com ou no teléfono 625482636. O percorrido será de 10 quilómetros. Tal e como explica a edil de Igualdade, “esta actividade busca fusionar deporte, natureza e reivindicación de dereitos da muller, como loita pola igualdade de oportunidades”. Previamente, ás 10.00 horas, terá lugar a lectura do manifesto do 8M. Esa mesma xornada, ás 19.00 horas, o Auditorio Municipal acollerá a proxección da curtametraxe ‘Pura’, dirixida e producida por Carmen Méndez. Trátase dunha obra premiada cun Mestre Mateo en 2025 e que tamén conta cos galardóns do público e mellor curtametraxe gelga no Festival de Cine de Roca, ademais da mellor dirección de curta documental nos Premios Crea. Á súa finalización haberá unha charla-coloquio.

A programación do 8M continuará ao longo do mes de marzo. O día 15, ás 17.30 horas, o Paseo das Palmeiras será escenario do espectáculo ‘Sue Moreno 4.0’, destinado a un público familiar, no que se combina a música en directo, o teatro e técnicas aéreas de circo a 5 metros de altura, co humor como fío condutor da proposta. O ‘show’ é unha invitación á sociedade para que cuestione estereotipos de xénero, así como para que recoñeza o valor do traballo (remunerado ou non) das mulleres, promovendo unha mensaxe de igualdade, respecto e xustiza social. O programa pecharase o sábado 21 de marzo cunha excursión á Ribeira Sacra. Esta xornada de convivencia está dirixida a mulleres maiores de idade. A inscrición estará aberta ata este venres, en Servizos Sociais ou chamando ao CIM (986530814).

Rocío Ferro e Jacobo Pérez animan á cidadanía a participar nestas actividades. “Homes e mulleres temos que loitar para acadar unha sociedade xusta e igualitaria, sen ningún tipo de discriminación”, sosteñen. A programación conta con financiamento da Deputación de Pontevedra e do Pacto de Estado, ademais de fondos propios.

Publicacións Relacionadas