O Concello de Muxía vén de poñer en marcha Muxía Itinerante 2025, unha iniciativa pioneira que leva por primeira vez actividades culturais, deportivas e de lecer ás distintas parroquias do municipio. O obxectivo é descentralizar a programación municipal e fomentar a participación veciñal en espazos onde, ata o de agora, non se realizaban eventos deste tipo.
As parroquias de O Castro, Quintáns, Senande, Touriñán e Nemiña acollerán durante o verán diferentes propostas que combinan natureza, música, humor, astronomía e actividades para todos os públicos. Tal e como destaca a tenente de alcalde, Sandra Vilela, “é a primeira vez que se fai algo así en Muxía, e facémolo coa ilusión de achegar a cultura ás parroquias, recoñecendo o seu valor e dinamizando a vida comunitaria”.
O programa inclúe:
5 de xullo – Roteiro “Polo río Castro con Xan Fernández” (10 km, dificultade baixa, saída e chegada no río Castro)
6 de xullo – Monólogo de Olga Abad “Arrivederci Roma” (19:30 h, Escola Unitaria de Quintáns)
12 de xullo – Concerto de A Quenlla (22:00 h, Praza Cabo da Vila, Muxía)
31 de xullo – A Onda de Nemiña: deporte, música e praia desde as 10:30 h na praia de Nemiña
4 de agosto – Feirón de Senande: mercadiño de artesanía e alimentación, con música a cargo de Brassica Rapa (11:00 h, Senande) Nota de Prensa
19 de agosto – Noite astronómica “O ceo dende Touriñán con Jorge Mira” (23:00 h, Faro de Touriñán)
Con este proxecto, o Concello de Muxía aposta por unha cultura máis próxima, accesible e diversa, onde todas as veciñas e veciños teñan oportunidades de desfrutar do lecer sen saír das súas parroquias. O programa Muxía Itinerante está incluído dentro da estratexia Muxía Cultural, promovida pola área de Cultura do Concello.