O Concello volve a ofrecer ‘Vivilo Corpo’, Informática e ‘Exercitar a Memoria’, este último aumentando as prazas un 27% para que ninguén quede fora. O custe total para o usuario é de 25 € agás informática, que é gratis
En total son 208 prazas e todos os cursos están dirixido a maiores de 60 anos empadroados no municipio, tendo prioridade de inscrición o martes 21 os que non participaran o ano pasado
O Concello de Nigrán abre a vindeira semana en sucesivos días o prazo de inscrición para os tres cursos municipais do programa ‘Envellecemento activo’ dirixidos a maiores de 60 anos empadroados no municipio que desexen reforzar a súa autonomía e previr o illamento social. A principal novidade deste ano e que toda aquela persoa que non participa o ano pasado terá prioridade de inscrición o martes 21 de xaneiro no Centro Social de Vilameán (ao carón do Concello) de 9:00 a 13:00 horas, poidendo inscribir cada quen a unha segunda persoa interesada. En total ofrécense 208 prazas cun custe total para o usuario de 25 € (pago ao momento con tarxeta) agás informática, que é gratis ao estar impartido polo voluntario Antonio Lago. Os cursos desenvolveranse desde a primeira semana de febreiro a penúltima de decembro, con descanso estival. Toda a información polo míudo (horarios, prazas e días para anotarse, está pendurada en www.nigran.org).
Tras o primeiro día de inscrición (martes 21) para todos aqueles que non se beneficiaron do programa ‘Envellecemento activo’ no 2024, abrirase o mércores 22 de xaneiro o prazo de inscrición para ‘Vivilo corpo’, dirixido a potenciar as capacidades motoras a través de exercicios de movemento e coordinación (martes e xoves ou mércores e venres en horario de mañá, 60 prazas) e para Informática (40 prazas, martes ou xoves). Ao día seguinte, xoves 23, abre o prazo de inscrición para ‘Exercitar a Memoria’ (actividade para previr o envellecemento cerebral) no Centro Social da Ramallosa. Finalmente, o venres 24 será o plazo para este mesmo curso no Centro Social de Vilameán. Precisamente, esta actividade aumenta un 27% as prazas (de 108 a 138) co obxectivo de que ningún solicitante quede fora.
Facer exercicio, manter a mente activa e non illarse socialmente son os tres eixos que os especialistas recomendan levar adiante para previr deterioros cognitivos, e neles se basa este programa que ofrece o Concello de Nigrán a través da Concellería de Maiores dirixida pola edil María Mayán.
O caracter fundamental do programa é preventivo, a súa finalidade é a de garantir unha maior calidade de vida dos nosos maiores tratando de evitar ou atrasar a aparición de problemas de memoria, do deterioro cognitivo, do Alzheimer e doutros problemas de saúde e de incapacidades; pero tamén de mellorar aqueles que se poidan ter na actualidade e de acadar un maior grado de autonomía e independencia. “Apostamos por políticas que garantan a calidade de vida dos maiores, tamén con turismo social, teatro, bailes e mesmo o centro especializado en demencias neurodexenerativas en Panxón”, indica o alcalde de Nigrán, Juan González.