O Concello de Ourense daralle o nome da Policía Nacional á glorieta situada nas proximidades da súa sede da cidade. O goberno municipal prepara a proposta de acordo, que presentará proximamente para a aprobación por parte da Xunta de Goberno Local.
Con esta iniciativa, o Concello de Ourense quere sumarse aos actos que durante este ano se desenvolven con motivo da celebración do 200 aniversario da creación deste corpo, e contribuír ao recoñecemento público do importantísimo labor que a Policía Nacional realiza a prol da seguridade e da convivencia cívica da cidade. Así o explicou esta mañá o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, quen puxo de manifesto que neste caso, a proposta de darlle este nome á glorieta suporá “darlle un carácter oficial a unha denominación que xa viña usando por iniciativa propia a veciñanza da cidade”, dada a proximidade deste espazo á comisaría da Policía Nacional en Ourense, na rúa Mestre Vide.