Home Sin categoría O Concello derruba unha vivenda na Rúa Pilar Bértola e avanza no...

O Concello derruba unha vivenda na Rúa Pilar Bértola e avanza no adecentamento dun novo espazo público para o barrio

0
3

O Concelleiro de Servizos Urbanos Básicos, Xaquín Moreda, destacou que a eliminación desta vivenda deshabitada e fóra de aliñacións permitirá gañar un espazo público para a cidadanía.

O Concelleiro de Servizos Urbanos Básicos, Xaquín Moreda, realizou unha visita de obra aos traballos de derrube dunha pequena casa situada na rúa Pilar Bértola. Esta actuación municipal ten como obxectivo o adecentamento e a mellora deste espazo.

Moreda explicou que a vivenda é dunha casiña antiga que está no listado de propiedades municipais e que se atopa fóra das aliñacións do plan urbanístico. De feito, levaba anos deshabitada e sen uso. A estrutura funcionaba como un “tapón urbanístico”, xa que interrompía o paso e mesmo daba sombra ás vivendas da contorna.

As tarefas de mellora consistirán no derrube da vivenda e posterior asfaltado da área liberada. Ademais, traballarase na regulación das cotas, dado que a Praza de Cornelius de Holanda está un pouco máis alta que esta rúa. O traballo, polo tanto, consistirá en derrube e asfaltado.

En canto aos prazos, Moreda informou de que os traballos estaban temporalmente interrompidos debido a unha avaría na grúa que estaba a realizar a desmontaxe e é necesario traer unha máquina máis grande, polo que os traballos non se reanudarán ata o luns. Unha vez retomados, a fase de derrube e asfaltado será cuestión duns tres días, agardándose que a totalidade dos traballos estean feitos nunha semana.

O concelleiro de Servizos Urbanos Básicos subliñou a importancia destas intervencións menores para a calidade de vida urbana: “Como sempre digo, estas pequenas obras aínda que parezan pequenas non son tan pequenas, porque melloran moito os espazos públicos”.