O Concello de Oleiros ten un forte compromiso coa educación pública. Ao longo de todo o curso organízanse numerosas actividades educativas complementarias á formación curricular, que se ofertan gratuitamente ás direccións e profesorado de todos os colexios e institutos.
Así é que para os próximos meses están programadas 82 excursións, financiadas polo Concello. Trátanse de rutas de educación ambiental nas que participará o alumnado de primaria e secundaria dos distintos centros.
Para as nenas e nenos máis pequenos, as excursións serán preto do seus centros escolares para que coñezan a riqueza medioambiental que teñen nas súas localidades. As saídas serán á Lagoa de Mera, Finca da Carballeira, Bosque dos veciños, Bastiagueiro e río Xentiña, illa do Castelo de Santa Cruz e Souto de Vista Alegre.
O alumnado dos últimos cursos de primaria e o de secundaria coñecerán os recursos que lindan co noso concello coas rutas etnográficas e patrimoniais: Oleiros desde A Coruña, Camiñando pola beira do río Mero e Cecebre e contorna. O Concello tamén organizará excursións de un día por Galicia, para que teñan a oportunidade de pasar un día enteiro coñecendo vilas marabillosas e profundando na súa historia: Lucus Augusti, Compostela camiño de estrelas, Terra Chá e Manuel María, Pontedeume dos Andrade, Pontevedra vila de pontes e Ferrol de todas.
Tamén haberá excursións de varios días, pensadas especialmente para fomentar a convivencia e o afecto e investigar por algúns dos bosques máis espectaculares e as paisaxes máis emocionantes de Galicia. Case todos os colexios e institutos animáronse a participar. O IES Neira Vilas, IES Miraflores e CEIP Rabadeira visitarán a serra do Courel, o colexio Valle Inclán irá tras a pegada de Pepa a loba en Sobrado dos Monxes e os colexios Isidro Parga Pondal o Luís Seoane percorrerán as Fragas do Eume.