• A escritora Antía Otero coordinará as sesións organizadas pola Concellaría de Normalización Lingüística
• A iniciativa busca fomentar a escrita colectiva e o descubrimento do potencial creativo da lingua galega
O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Normalización Lingüística, reafirma a súa aposta pola mediación cultural e o fomento do galego entre a rapazada co lanzamento de “Poetizando en Carballo 2026”, un ciclo de obradoiros de poesía que levará a creación literaria directamente ás aulas e que converterá a palabra en protagonista do xogo escolar.
A concelleira de Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret, destaca a importancia de que a rapazada sinta a lingua como algo vivo e creativo: “Con ‘Poetizando en Carballo’ queremos que os nenos e nenas descubran que a poesía non é algo afastado, senón unha ferramenta para expresar o seu mundo. Ao xogar coas súas palabras favoritas e construír textos en común, non só fomentamos a lectura, senón que reforzamos o seu vínculo afectivo co galego desde a imaxinación e a liberdade creativa”.
Unha viaxe á palabra favorita
Os obradoiros estarán impartidos por Antía Otero, recoñecida poeta e editora do selo Apiario. A metodoloxía está deseñada especificamente para o alumnado de 2º de primaria, co obxectivo de que os nenos e nenas poidan achegarse á poesía dun xeito lúdico e revelador. A través da escolla das súas palabras favoritas e do xogo literario, os participantes traballarán cara á creación dunha escrita colectiva, e deste xeito transformarán as aulas en espazos de imaxinación compartida.
Calendario e centros participantes
As sesións, cunha duración de 75 minutos e grupos de ata 25 persoas, arrancarán o mércores 25 de marzo e prolongaranse ata finais de abril co seguinte itinerario:
• 25 de marzo: CEIP San Luís Romero e CEIP Fogar
• 22 de abril: CEIP Bergantiños
• 29 de abril: CEIP A Cristina e CEIP Fogar
• 30 de abril: CEIP Razo-Nétoma, CEIP Canosa-Rus e CEIP Gándara-Sofán
A cultura como ferramenta educativa
Con esta iniciativa, o Concello busca non só dotar o alumnado de ferramentas de expresión artística, senón tamén descentralizar a programación cultural levándoa fóra dos espazos habituais. Poetizando en Carballo quere ser a faísca que esperte o interese pola literatura desde as idades máis temperás, aproveitando o talento e a experiencia de profesionais como Antía Otero.



