O Balneario de Laias acollerá, do 20 ao 22 de outubro, o encontro transnacional do proxecto europeo ThermEcoWat, que reunirá expertos e representantes institucionais de España, Francia e Portugal
Ourense volve situarse como referente internacional no ámbito do termalismo e da sustentabilidade. Durante tres días, o Balneario de Laias acollerá o Workshop ThermEcoWat Ourense–Laias, un encontro transnacional que reunirá científicos, representantes públicos e técnicos especializados na xestión de augas termais e enerxías renovables.
O evento está coordinado pola Deputación de Ourense, que actúa como anfitrioa principal no marco do proxecto europeo ThermEcoWat, financiado polo programa Interreg Sudoe 2021–2027.
ThermEcoWat céntrase na preservación do patrimonio termal do suroeste europeo e no desenvolvemento de estratexias de adaptación ao cambio climático. O consorcio internacional do proxecto está formado por institucións de referencia como o Bureau de Recherches Géologiques et Minières (BRGM) e Thermauvergne (Francia), o Institut Cartogràfic i Geològic de Catalunya (ICGC), o Centro Nacional IGME-CSIC, a Universidade de Vigo, o Ajuntament de Caldes de Montbui e as Termas de São Pedro do Sul (Portugal), entre outras.
Durante o taller presentaranse os últimos estudos sobre a resiliencia dos ecosistemas termais e debateranse as oportunidades de aproveitamento enerxético sustentable a partir das augas termais, combinando a investigación científica, a planificación territorial e a innovación tecnolóxica.
O programa inclúe relatorios, grupos de traballo, visitas técnicas e unha experiencia termal en Laias, así como desprazamentos á Chavasqueira, As Burgas e o Campus de Ourense, onde se mostrará o potencial xeotérmico do territorio.
O deputado provincial de Innovación, Jorge Pumar, destacou na presentación do evento que “Ourense ten no termalismo un dos seus maiores activos naturais e económicos. Este encontro reforza a nosa vocación europea e a nosa aposta por un modelo de desenvolvemento sustentable, baseado na innovación, na enerxía limpa e na xestión responsable da auga”.
O taller transnacional contará coa participación de máis de trinta especialistas de distintas áreas e enmárcase dentro do Obxectivo Específico 2.5 do programa Interreg Sudoe: Acceso á auga e xestión sustentable da auga.
As conclusións do encontro contribuirán a deseñar novas ferramentas de gobernanza colaborativa, capaces de anticipar os efectos do cambio climático e de impulsar o uso sustentable dos recursos termais nas pequenas comunidades do suroeste europeo.