HomeSin categoríaOutro premio para Oleiros: o parque Rosalía Mera mellor xardín galego 2025

Outro premio para Oleiros: o parque Rosalía Mera mellor xardín galego 2025

- Anuncio -spot_img

Oleiros volve a estar de noraboa: o Parque Rosalía Mera foi galardoado co primeiro premio na 5ª edición dos Premios Xardín Galego. O prestixioso certame foi organizado por Agaexar Asociación Galega de Empresas de Xardinería e contou con recoñecidos profesionais do ámbito da xardinería ecolóxica e paisaxismo como xurado.

O Parque Rosalía Mera situado entre as rúas do Mar e da Poza, en Dorneda, é un espazo natural, un pulmón verde cheo de vida que combina sostibilidade, comunidade, biodiversidade, aprendizaxe, ocio, orixinalidade e mobilidade. Este espazo público de 19.908 m2 converteuse en pouco tempo nun parque naturalizado deseñado para facilitar a convivencia interxeracional, ofrecendo espazos habilitados, cómodos e accesibles para o paseo, o descanso, o lecer ou a actividade física. Unha concepción do espazo público natural innovadora que fixo que este proxecto fora merecedor do 5º Premio Xardín Galego 2025.

O proxecto materializado sobre un solo de titularidade privada de clasificación urbana, co firme compromiso da promotora de destinalo a uso público para o lecer da veciñanza, nun entorno de presión urbanística; foi obra da empresa de paisaxismo Orza Paisajismo, o Grupo Naturalista Hábitat e a empresa de economía social Trébore Jardinería, con destacadas colaboracións de empresas locais, artesáns, artistas e o propio Concello de Oleiros.

O parque Rosalía Mera destaca pola súa configuración flexible e multifuncional, de lecer, descanso e encontro adaptadas a diferentes idades e necesidades no que a implicación da cidadanía foi chave en todo o proceso. Unha aposta pola innovación e a sustentabilidade respectando e preservando elementos xa existentes no parque. Un claro exemplo de como repensar os espazos públicos con visión de futuro, onde coidar da natureza, promover o benestar colectivo e sementar valores positivos nas novas xeracións.

O xurado composto por Jaume Alagarda Nacher, presidente da Federación Española de Empresas de Jardinería (FEEJ); Francisco Marco Rubio, presidente da Asociación Española de Xardinería Ecolóxica; Santiago Lamosa Quintero, doutor en Ingeniería Agrónoma y profesor de paisaxismo no Campus de Lugo da Universidade de Santiago; e Álvaro-Fernando Roca Rodríguez, profesor de FP e enxeñeiro técnico agrícola, especialista en producción agraria; determinou que o Parque Rosalía Mera é «un proxecto exemplar pola integración de arte, técnica e sustentabilidade. Destaca a forte implicación social, a educación ambiental, a creación de hábitats naturais, o uso de especies autóctonas e materiais locais, así como o deseño resiliente e orientado á mellora bioclimática».

Publicacións Relacionadas