Ponteareas quere achegar a arte efémera do seu Corpus Christi 2022 a todas as persoas, eliminando calquera barreira e convertendo esta Festa de Interese Turístico Internacional nun encontro o máis accesíbel posíbel. Neste camiño, o Corpus dá a benvida a usuarios e usuarias do Grupo Social ONCE, que por primeira vez na historia do Corpus crearán a súa propia peza na Praza Maior grazas a unha plantilla especial adaptada para que poidan elaborar unha alfombra representativa da entidade.
Ademais, o Concello pon en marcha xunto coa Asociación de Alfombristas do Corpus Christi de Ponteareas a ‘Beirarrúa aromática’, unha iniciativa na que os recendos das alfombras serán os protagonistas e servirán para que as persoas con discapacidade visual poidan orientarse e localizar cada un dos tramos a través do olfacto.
As iniciativas foron presentadas este martes na Casa do Concello pola alcaldesa, Cristina Fernández Davila; a directora da ONCE en Pontevedra, Marián Lorenzo; e o presidente da Asociación de Alfombristas do Corpus Christi de Ponteareas, Miguel A. García Correa.