O Concello de Ponteareas, os grupos políticos con representación municipal e a Plataforma cidadá da N-120 mantiveron unha reunión esta semana para analizar con profunda preocupación a resposta remitida polo Director Xeral de Estradas do Estado, Juan Pedro Fernández Palomino, ao escrito enviado pola alcaldesa Nava Castro ao Ministro de Transportes, Óscar Puente.
A comunicación oficial do Ministerio confirma o que desde hai meses vimos denunciando: o proxecto de mellora da seguridade viaria no tramo urbano da N-120, entre Xinzo, Arnoso e Areas, continúa totalmente paralizado, sen prazos definidos nin compromiso orzamentario. A resposta limítase a reiterar que o expediente segue en fase de supervisión, malia que xa en xaneiro se anunciara a finalización do proxecto construtivo e a incorporación das alegacións presentadas.
Ponteareas precisa feitos, non máis palabras. Esta actuación, que contempla oito glorietas, sendas peonís, mellora do firme e da sinalización, é unha demanda histórica e unánime da cidadanía, da totalidade da Corporación Municipal e da Plataforma veciñal. A súa execución é urxente e non pode sufrir máis atrasos.
Portodo isto, solicitamos unha reunión presencial urxente coDirector Xeral de Estradas, á que asistirán representantes dos distintos grupos políticos do Concello e da Plataforma cidadá.
Así mesmo, na reunión de onte acordouse solicitar unha comparecencia ante a Comisión de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana do Congreso dos Deputados, co obxectivo de trasladar directamente a todos os grupos parlamentarios a gravidade da situación e o consenso institucional e social que rodea este proxecto.
Se non se producen avances concretos nun prazo razoable, valoraremos o inicio de mobilizacións para visibilizar publicamente o abandono que sofre Ponteareas e para reclamar, dunha vez por todas, solucións reais que garantan a seguridade viaria das nosas veciñas e veciños. Non podemos permitir que siga habendo vítimas mortais mentres as administracións competentes miran para outro lado.
En Ponteareas hai unidade institucional e demanda social. É hora de que o Ministerio estea á altura.