- Cúmprese así o obxectivo do Goberno galego de dar maior resposta á elevada demanda desta liña de axudas, para o que incrementou a dotación a catro millóns de euros, un máis que no anterior exercicio
- Medra tamén o número de proxectos impulsados, con 454 actuacións fronte ás 341 do ano pasado
- As achegas van dirixidas a asociacións veciñais e de mulleres rurais, así como a comunidades de usuarios de augas e poden acadar a totalidade do investimento realizado
- A través desta medida fináncianse os investimentos en inmobles e na adquisición do material necesario para o seu funcionamento
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado pola directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe a asociación de veciños compostelá Álvaro Cunqueiro para coñecer as melloras realizadas no seu local social coas axudas do Plan específico de acción comunitaria de 2024. Diego Calvo anunciou que xa están resoltas as axudas deste ano e que se notificarán nos próximos días ás entidades beneficiarias. Avanzou que suman 391, case un cento máis que no pasado exercicio, cando foron 300. Medra tamén o número de proxectos impulsados, con 454 actuacións fronte ás 341 de 2024.
O conselleiro apuntou que se cumpre así o obxectivo do Goberno galego de darlle maior resposta á elevada demanda desta liña de axudas, para o que incrementou a dotación ata os catro millóns de euros, un millón máis con respecto aos anteriores exercicios. A meirande parte das entidades beneficiarias son da provincia de Pontevedra, con 160 e 172
actuacións subvencionadas e de Ourense, con 99 colectivos e 128 proxectos. Pola súa banda, Lugo suma 72 entidades e 82 actuacións, e A Coruña 60 colectivos e 72 proxectos. Desde a posta en marcha da medida, en 2016, a Xunta investiu preto de 26 millóns de euros nestas axudas, que permitiron impulsar máis de 2.000 proxectos.
Segundo sinalou Diego Calvo, estas achegas, dirixidas a asociacións veciñais e de mulleres rurais, así como a comunidades de usuarios de augas, enmárcanse no compromiso da Xunta co asociacionismo local polo seu importante papel na dinamización vida social e cultural da contorna e na mellora da calidade de vida da cidadanía. Ademais, “estes colectivos son o ámbito máis próximo á veciñanza e, polo tanto, constitúen unha canle fundamental para trasladar as súas demandas”, engadiu.
A través desta orde, o Goberno galego contribúe a mellorar a calidade da vida local e fomentar e dinamizar o asociacionismo veciñal. Deste xeito, poden ser obxecto de subvención os gastos ocasionados como consecuencia de investimentos realizados en inmobles da titularidade das entidades solicitantes ou sobre os que teña dereito de uso, no caso das asociacións de veciños e de mulleres rurais, así como os equipamentos necesarios para o seu funcionamento, todos eles orientados ao cumprimento dos fins da entidade e o seu funcionamento ordinario, e as obras nas traídas de auga comunitarias.
Apoio a obras e equipamento
Entre os proxectos subvencionables inclúense dúas liñas, unha delas dotada con 3,4 millóns de euros, para obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais sociais onde as entidades veciñais e de mulleres rurais desenvolven a súa actividade e obras de mellora, reforma e reparación de infraestruturas e instalacións das traídas de auga comunitarias promovidas por comunidades de usuarios de augas.
A outra liña de axudas financia, cunha achega de 600.000 euros, a adquisición de equipamento necesario para o funcionamento das organizacións beneficiarias. En concreto, mobiliario, material de oficina, equipamento informático ou acústico e audiovisual, ademais doutro material básico para actividades específicas.
As axudas económicas poden acadar a totalidade do investimento realizado cun límite máximo por entidade de 12.000 euros para a realización de obras e de 5.000 euros para a dotación de equipamentos. Ademais, hai a posibilidade da concesión de anticipos de ata o 100% que se farán efectivos unha vez realizada a notificación da subvención, por solicitude da entidade beneficiaria.
Actuacións da asociación Álvaro Cunqueiro
Concretamente, a asociación compostelá Álvaro Cunqueiro, visitada hoxe, recibiu en 2024 unha achega de 12.000 euros, o máximo subvencionable, para mellorar a accesibilidade da sala de informática do seu local social, o centro sociocultural Antón Fraguas. Así, renovouse o pavimento coa colocación de tarima flotante e ancheáronse os ocos das portas. A maiores, substituíronse varios elementos da instalación eléctrica. Neste espazo a entidade desenvolve diversos cursos para mellorar as competencias dixitais da veciñanza de distintas idades.
En anos anteriores, recibiu tamén apoio da Xunta para obras na fachada e para a reforma dos baños e a súa adaptación a persoas de mobilidade reducida.