Asegura que hai marxe a seguir medrando sen perder a esencia e aposta por promover a desestacionalización
O Camiño Portugués e a súa variante pola Costa son a segunda e terceira rutas máis transitadas, con 139.000 compostelas recollidas no que vai de ano nos dous itinerarios, cun 60 % de peregrinos que proceden doutros países
A Xunta destinará 1.000 M€ ata 2030 a nova Estratexia de Turismo de Galicia para impulsar un modelo sostible e diversificado, que poña en valor a hospitalidade
Galicia mantivo o número de viaxeiros durante os meses de verán e rexistrou un incremento da estancia media, e da rendibilidade do sector
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o gran momento que está a vivir o Camiño Portugués que xa é a ruta xacobea que más medra -a razón dun 9 % anual e dun 42 % na súa variante pola Costa- e cada vez con maior peso internacional, cun 60 % dos peregrinos procedentes doutros países.
Durante o acto de conmemoración do 40º aniversario da recuperación da peregrinación polo Camiño Portugués, Rueda agradeceu o labor de entidades como a Asociación dos Amigos dos Pazos que durante as últimas décadas colaboraron coa Xunta para impulsar e revitalizar esta ruta de peregrinación cara a Santiago e que afonda nas relacións socioculturais entre Galicia e Portugal.
“O Camiño Portugués está facendo que esa Galicia potente, esa Galicia Calidade que queremos ensinar ao mundo teña o mellor dos escaparates”, salientou o presidente da Xunta. E é que esta ruta que transcorre polo país veciño, xunto coa súa variante pola Costa son o segundo e o terceiro itinerario xacobeo máis transitados -con máis de 139.000 compostelas recollidas no que vai de ano en ambas rutas- e contan con 11 albergues públicos que ofertan preto de 500 prazas.
Durante o acto de entrega das Vieiras de Honra ás persoas que en 1984 peregrinaron de Braga a Santiago para recuperar esta ruta xacobea e acompañado polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, e polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, Rueda fixo fincapé no gran futuro que ten este Camiño e defendeu un modelo de turismo que permita seguir medrando “con esa esencia que o Camiño nunca pode perder”, protexendo aquelo que singulariza a Galicia e promovendo a desestacionalización.
Nesta liña, a Xunta acaba de presentar a Estratexia de Turismo coa que avanzar cara un modelo de turismo máis sostible e diversificado, que poña o foco na hospitalidade dos galegos e teña en conta aos residentes, para a que se dispón dun orzamento de 1.000 millóns de euros ata 2030. Salientou tamén medidas específicas para o Camiño de Santiago coma o Plan Director, pensado para realizar prepararse cara o Xacobeo 2027 (dotado de 141 millóns de euros) ou un proxecto específico para mellorar a seguridade viaria dos peregrinos no trazado do Camiño (con ata 40 millóns).
Balance turístico do verán
Os últimos datos turísticos amosan que Galicia mantivo o número de viaxeiros durante o pasado verán -2,15 millóns de turistas aloxados-, aumentou a estancia media e se rexistraron 4,8 millóns de pernoctacións. Ademais, o turismo estivo máis repartido polo territorio, especialmente nas zonas do rural e tamén incrementouse a rendibilidade do sector.
Entre os datos máis salientables, cómpre destacar que o número de visitantes estranxeiros xa está por riba dos rexistrados antes da pandemia ao superar os 623.000 turistas procedentes doutros países, con especial presenza dos nados en Italia, Portugal, Alemaña e Estados Unidos. E, no caso concreto do Camiño de Santiago, contribuíu a dinamizar o rural galego este verán, coa presenza de máis de 120.000 peregrinos que recolleron a súa compostela entre os meses de xullo e agosto, un 15 % máis que no 2023.
No balance do ano, Galicia supera os cinco millóns de viaxeiros aloxados, o que supón un 2 % máis que no mesmo periodo de 2023 e 9,7 millóns de noites.