A Área de Pontevedra e O Salnés recibiu hoxe a alumnado de 2º curso da Escola de Enfermaría de Pontevedra que efectuará prácticas no CHUP

adminON
Lectura mínima de 2

― O grupo está formado por 54 estudantes do 2º curso do Grao de Enfermaría, que neste segundo cuadrimestre cursarán a asignatura Prácticas Clínicas I nos distintos servizos do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra

― A Área Sanitaria refrenda a súa aposta por estar na primeira liña da docencia universitaria en ciencias da saúde decara á formación de novos profesionais

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés deu esta mañá a benvida ao alumnado da Escola de Enfermaría de Pontevedra -centro adscrito á Universidade de Vigo- que acaba de iniciar o seu primeiro período de prácticas formativas. O acto de acollida celebrouse no salón de actos do Hospital Montecelo, ao que asistiron diversos responsables asistenciais, de formación e docencia reglada.

O grupo está formado por 54 estudantes do 2º curso do Grao de Enfermaría, que neste segundo cuadrimestre cursarán a asignatura Prácticas Clínicas I nos distintos servizos do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra. Trátase da súa primeira toma de contacto co eido asistencial, nunha etapa que afrontan con ilusión e ganas de aprender. Noutros cursos máis avanzados, este alumnado da Escola de Enfermaría de Pontevedra poderá desenvolver o período formativo en centros de Atención Primaria.

Aposta pola docencia universitaria en ciencias da saúde
Coa incorporación deste alumnado, a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés refrenda a súa aposta por estar na primeira liña da docencia universitaria en ciencias da saúde. O compromiso do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra na formación de novos profesionais repercute de xeito positivo tamén no persoal nos eidos docente, investigador e da propia asistencia, permitindo abrir novas vías para participar en grupos de investigación, ser máis competitivos á hora de se presentar ás distintas convocatorias e acceder á carreira docente.

Así mesmo, representa tamén unha vantaxe para os pacientes da área, xa que a acreditación universitaria obriga a manter uns estándares de calidade, no plano organizativo e asistencial, que repercuten de xeito directo no seu beneficio.

Comparte este artigo