― Cun aseo adaptado, zona de control e de traballos técnicos de Enfermería, área para puncións e extraccións, esta nova área emprazada no Hospital Provincial con acceso pola rúa Joaquín Costa duplica os seus postos de tratamento, pasando de 5 a 10
― Así mesmo reformouse o vestíbulo de entrada ao Hospital de Día para achegar unha maior facilidade e claridade ás circulacións na zona de acceso do edifico de consultas externas
A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés ven de activar hoxe un novo Hospital de Día emprazado no andar principal do Hospital Provincial de Pontevedra, con acceso pola rúa Joaquín Costa. Esta nova infraestrutura que mellora á dotación asistencial do Servizo Galego de Saúde no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra oferta uns maiores estándares de confort sanitario tanto para os usuarios coma para os profesionais. Así mesmo, incrementa o número de postos de tratamento e mellora os accesos á esta zona asistencial desde o exterior.
Para tal fin, a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés reformou os espazos destinados anteriormente a efectuar extraccións sanguíneas no Hospital Provincial , creando tras un período de renovación arquitectónica que se estendeu durante o pasado verán un gran local diáfano cunhas dimensións superiores aos 90 metros cadrados.
Dotado dun aseo adaptado no seu interior, unha zona de control e de traballos técnicos de enfermaría, área para efectuar puncións e extraccións, o novo Hospital de Día no Hospital Provincial duplica os seus postos de tratamento, ao pasar dunha dotación de 5 postos aos 10 actuais.
Equipamento e mobiliario
No que atinxe ao seu equipamento, o Hospital de Día dispón dun novo mobiliario no control de enfermaría, con cadeiras ergonómicas con accionamento eléctrico para acadar unha mellor adaptación á casuística de saúde de cada paciente. Tamén se dotaron os novos espazos de biombos modulares separadores entre postos, un sistema de imaxe de entretemento e elementos de humanización, padiolas e un carro de paradas con desfibrilador.
As novas dependencias do Hospital de Día no Hospital Provincial dispoñen na sala de tratamentos dun novo sistema de ventilación e climatización. Así mesmo equipáronse estes espazos cunha rede de iluminación LED regulable.
Así mesmo reformouse o vestíbulo de entrada ao Hospital de Día para achegar unha maior facilidade e claridade ás circulacións na zona de acceso do edificio de consultas externas e reformáronse as instalacións principais de fontanería que discorrían enterradas na zona agora reformada.



