A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés colaborará coa asociación cultural O Castro para implantar un programa de acompañamento e animación a pacientes

adminON
Lectura mínima de 4

― Este proxecto tería dúas liñas: dunha banda o acompañamento dos pacientes da man do voluntariado de O Castro e, da outra, a dinamización cultural hospitalaria a cargo dos grupos de teatro, danza e música desta asociación

― O xerente da Área Sanitaria, José Flores Arias, mantivo hoxe unha primeira xuntanza con directivos deste colectivo arousán para establecer no futuro esta iniciativa solidaria que potenciaría a humanización nos tres hospitais públicos de Pontevedra e O Salnés

O xerente da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores Arias, acompañado da subdirectora médica Dolores Pan Vázquez, mantivo esta mañá no Hospital Provincial de Pontevedra unha xuntanza con membros da directiva da Asociación Cultural O Castro, de Baión no Concello de Vilanova de Arousa, co obxectivo de iniciar os contactos para establecer no futuro un programa de acompañamento e animación aos pacientes ingresados nos tres hospitais públicos de Pontevedra e O Salnés.

Esta entidade arousá sinala que leva anos tentando iniciar este proxecto e agora en 2024 asegura que está preparada, xa que na asociación foise creando una rede social, cultural e, sobre todo, de voluntariado, idónea para poder acompañar e animar aos pacientes dos centros hospitalarios da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés.

Dito proxecto levaría dúas liñas: dunha banda o acompañamento dos pacientes da man do voluntariado de O Castro e, da outra, a dinamización cultural nos mesmos centros a cargo dos componentes que forman parte dos grupos de teatro, danza e música desta asociación.

O obxectivo principal buscaría acompañar de preto ás persoas ingresadas nos hospitais da área con asiduidade e poder axudarlles a través da cultura, sendo conscientes que, se xa é complexo calquera ingreso hospitalario, hai grupos máis vulnerables que requiren: persoas maiores, persoas soas, nenos e mozos.

Importante achega solidaria ao SERGAS
José Flores Arias incidiu na importante achega solidaria deste tipo de programas no Sistema Sanitario Público da comarca. Na súa intervención, o responsable sanitario subliñou que Galicia é unha das Comunidades Autónomas españolas con maior voluntariado -con preto de 10.000 voluntarios activos, dos que 6 de cada 10 son mulleres-. “A suma da vocación dos profesionais sanitarios e a vocación do voluntariado pode cambiar o mundo. É importante fomentar esta actitude solidaria entre a poboación”, matizou.

Pola súa banda, o presidente da asociación O Castro, José Sabarís, agradeceu hoxe no Hospital Provincial a boa disposición da Área Sanitaria, facendo votos por unha longa e satisfactoria colaboración do seu colectivo co Servizo Galego de Saúde en diversos programas de voluntariado, acompañamento de pacientes e iniciativas de humanización de espazos na Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés.

Actividade asociativa desde 1990
A Asociación Cultural O Castro naceu en 1990 en Baión co fin de divulgar a cultura galega e mellorar a calidade de vida da veciñanza. Na actualidade é unha das asociacións máis grandes de Galicia con 2.500 socios, fundamentalmente da comarca de O Salnés, pero tamén procedentes doutras zonas da Comunidade Autónoma, e desenvolve unha intensa actividade dirixida a maiores, mulleres e mozos.

Así mesmo, a Asociación Cultural O Castro centra gran parte do seu esforzo no Programa de Voluntariado, polo que recibiron o Premio Galicia de Voluntariado 2022.

Comparte este artigo