HomePontevedraA Área sanitaria de Pontevedra e o Salnés conmemora o Día Mundial...

A Área sanitaria de Pontevedra e o Salnés conmemora o Día Mundial contra o cancro incidindo na eficacia do Programa de Detección Precoz de Cancro de Colon

- Anuncio -spot_img

A detección no Programa de cribado de cancro de colon destes pólipos evita a sua evolución a un cáncer
Durante o 2020 e a pesar da pandemia, o Servizo de Aparello Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra mantivo, a excepción de marzo, abril e a metade de maio, o programa de detección precoz de cancro colorrectal en marcha

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés conmemora mañá o Día Mundial contra o Cancro e, neste senso, o servizo de Aparello Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra adícalle esta xornada á prevención precoz de cancro colorrectal. Este cancro é o tumor máis frecuente nos países desenvolvidos e pode previrse.

O 85% destes cancros orixínanse nun pólipo intestinal (adenoma) que maligniza nun período de ata 10 anos. A detección no Programa de cribado de cancro de colon destes pólipos evita a sua evolución a un cáncer.

Detectar esta patoloxía en fases iniciais mellora de xeito substancial o seu prognóstico e supervivencia, incrementando así as posibilidades de curación. De feito, está demostrado que este tipo de programas poden diminuír a mortaldade até nun 35%.

Programa vixente durante 2020
Durante o 2020 e a pesar da pandemia, o Servizo de Aparello Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra mantivo, a excepción de marzo, abril e a metade de maio, o programa de detección precoz de cancro colorrectal en marcha.

Para o presente ano 2021, en aras a recuperar actividade que se veu afectada pola situación epidemiolóxica actual, o servizo de Aparello Dixestivo contempla aumentar nun 40 por cento a súa actividade para asumir todas as convocatorias que se puideron ver afectadas pola pandemia no 2020. Dito incremento de actividade poderá efectuarse grazas a que o servizo ten as listas de espera máis baixas dentro dos servizos de Dixestivo de toda a Rede Sanitaria Pública galega.

Balance 2020
Durante o pasado ano, invitáronse a 9.601 persoas a participar no programa de cribado de cancro colorrectal, das cales aceptaron un total de 4.150, o que corresponde ao 43% participación. Efectuáronse un total de 786 colonoscopias grazas as que se detectaron 7 cánceres e, ademais, foron 213 o número de lesións premalignas detectadas e extirpadas.

Procedemento a seguir
A mecánica do cribado de cancro colorrectal consiste en que a poboación á que vai dirixido realice, cada dous anos e no seu domicilio, unha proba sinxela para determinar a presenza de sangue en feces. Nos casos nos que esa presenza se confirme, realizarase unha exploración intestinal mediante colonoscopia có obxectivo de atopar a lesión responsable. Na maioría dos casos, será un adenoma (lesión previa ó cáncer) que se extirpará nesta mesma proba. Son menos os casos nos cales a lesión responsable da sangue atopada nas feces é un cancro de colon.

As persoas que encaixan dentro do perfil de risco determinado polo programa -idades comprendidas entre os 50 e 69 anos- reciben unha carta no seu domicilio, na que son convidadas a participar no mesmo. A continuación, tras remitir a súa aceptación ao centro coordinador, se lle facilitará o material preciso para a toma da mostra, así como as instrucións para recollela. Tras a análise, se comunicarán os resultados e, de ser positivos, se procederá a dar cita no centro de saúde correspondente para a programación da colonoscopia que se realizará no Servizo de Aparello Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.

Frecuencia e síntomas
As persoas con historia familiar de cancro colorrectal e aquelas con enfermidades inflamatorias intestinais crónicas teñen máis risco de desenvolver esta patoloxía. Na poboación xeral, o risco aumenta de xeito considerable a partir dos 50 anos, tanto no caso dos varóns como das mulleres.

Malia que non adoitan causar ningunha molestia ata que está nunha fase moi avanzada, algúns dos síntomas que se identifican como máis frecuentes son os cambios de hábito intestinal e a emisión de sangue polo recto sen molestias anais asociadas.

Algunhas das medidas que aconsellan os profesionais para previr a aparición deste cancro pasan por aumentar o consumo de froita e verdura, limitar o consumo de graxas de orixe animal, facer exercicio físico regularmente, moderar o consumo de bebidas alcohólicas e evitar o tabaco.

Publicacións Relacionadas