- – Avala a súa relevancia asistencial na redución de barreiras e no acompañamento dos proxectos de vida das persoas atendidas
- – As actividades cotiás, o lecer e as rutinas diarias constitúen piares fundamentais para o benestar, a saúde e a calidade de vida dos usuarios
A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés adhírese nesta xornada á conmemoración do Día Mundial da Terapia Ocupacional, co obxectivo de visibilizar e recoñecer o traballo diario que desenvolve o colectivo profesional desta disciplina asistencial nos centros da rede pública sanitaria nambos distritos de saúde.
Deste xeito, a Área Sanitaria avala a relevancia da Terapia Ocupacional para acadar o lograr que cada persoa poida participar de xeito autónomo nas actividades que desexa, necesita ou quere realizar. Aprender, coidarse, traballar ou gozar do lecer son aspectos cruciais que inflúen de xeito directo na mellora da calidade de vida e na saúde da poboación.
Acompañamento e redución de barreiras
Nesta xornada de conmemoración do Día Mundial da Terapia Ocupacional, as terapeutas ocupacionais Carmen Canitrot e Aldara Fernández destacan a relevancia do apoio personalizado nos circuítos asistenciais. Así, segudno sinala Carmen Canitrot López “a nosa profesión é profundamente fermosa porque pon a vida cotiá no centro, tamén fala de participación, de sentido e de dignidade. A Terapia Ocupacional acompaña procesos reais de saúde, inclusión e benestar nos doentes de Pontevedra e O Salnés. A nosa labor non queda no diagnóstico, senón que mira ás persoas, ás súas ocupacións e contornas, velando polos seus dereitos”.
Pola súa banda, a terapeuta ocupacional Aldara Fernández García subliña que “é relevante chegar coa nosa aportación asistencial a espazos novos, para que cada vez haxa máis profesionais da Terapia Ocupacional. Cada incorporación é un sinal de que a comunidade mellora e de que a sociedade se transforma, xerando máis oportunidades de participación, máis autonomía, máis dereitos, máis accesibilidade e, en definitiva, máis vida”.
Aposta pola atención centrada nas persoas
A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés reafirma na conmemoración do Día Mundial da Terapia Ocupacional a súa aposta pola atención centrada na persoa, promovendo entornos asistenciais e procedementos que faciliten a inclusión, a autonomía e o desenvolvemento dos proxectos de vida dos usuarios do Sistema sanitario Público galego.

