- Para o exercicio 2026 os gastos de persoal, funcionamento e prestación farmacéutica experimentan un crecemento similar ao resto de áreas sanitarias
- Os orzamentos recollen para o Novo Montecelo un investimento de 32,2 milllóns de euros para ultimar a obra e continuar coa dotación de equipamento e aparataxe -mobiliario xeral, electromedicina, alta tecnoloxía, así coma para infraestrutura informática e rede de datos-
- A inversión anual para a execución de novos centros de saúde potencia os proxectos nos concellos de Vilagarcía de Arousa -13 millóns de euros- Meis -preto de 1 millón de euros- e Barro -0,9 millóns de euros-
- Tamén dótase de inversión de 600.000 euros a cada unha das actuacións necesarias para a futura construción de sendos centros de saúde nos concellos de Soutomaior e Caldas de Reis, así coma 1,4 millóns de euros para a futura ampliación e reforma do centro de saúde de Baltar, en Sanxenxo
Os orzamentos da Xunta de Galicia para o vindeiro ano 2026 destinan á Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés un total de 556,6 millóns de euros. Nesta contía global inclúense os gastos propios da Área Sanitaria en capítulo I -adicados a persoal asociado a dita área de saúde-, capítulo II -asignado a gastos de funcionamento, nos que se inclúen produtos farmacéuticos e material sanitario, implantes, gastos de laboratorio e outros-, capítulo IV -gastos derivados da prestación farmacéutica, receitas e prestación ortoprotésica-, así coma o capítulo VI -adicado a investimentos-.
Para o vindeiro exercicio os gastos de persoal, funcionamento e prestación farmacéutica experimentan un crecemento similar ao resto de áreas sanitarias. Deste xeito, o orzamento da Xunta de Galicia previsto para a área sanitaria garante o incremento retributivo para o persoal sanitario e non sanitario que presta asistencia, á vez que se mantén tanto a prestación farmacéutica coma a ortoprotésica para a poboación da área de saúde.
Investimentos para a última fase do Novo Montecelo
Por outra banda, o proxecto do hospital Novo Montecelo entrará en 2026 nunha fase decisiva de cara á súa posta en marcha, para o que a Xunta de Galicia investirá máis de 32,2 millóns de euros no vindeiro exercicio.
Dita dotación económica avanzará nas últimas fases para rematar o cronograma constructivo desta relevante obra sanitaria pública e continuar así mesmo coa dotación de nova aparataxe e equipamentos -mobiliario xeral, electromedicina, alta tecnoloxía, así coma para infraestructura informática e rede de datos-.
Novo mamógrafo para o Hospital do Salnés
En canto ao Hospital Público do Salnés, as contas de 2026 reflicten a aposta da Xunta de Galicia pola dotación dos centros hospitalarios comarcais.
En concreto, prevése un investimento de 326.000 euros para a adquisición dun novo mamógrafo para o Hospital Público arousán, que dará cobertura ao distrito sanitario de O Salnés.
Incremento de infraestruturas de Atención Primaria
No eido do incremento de infraestruturas para a Atención Primaria de Pontevedra e O Salnés, a inversión anual durante o vindeiro 2026 por parte da Administración Autonómica galega para executar novos centros de saúde potencia a continuidade do proxecto constructivo no concello de Vilagarcía de Arousa, cunha dotación económica de 13 millóns de euros.
Así mesmo, os orzamentos do vindeiro ano para as obras dos novos centros de saúde nos concellos de Meis e de Barro -actualmente en fase de proxecto- asignan 1 millón de euros para o futuro centro de Atención Primaria de Meis e 0,9 millóns de euros para o centro de saúde que se construirá en Barro.
No que atinxe á ampliación prevista para o centro de saúde de Baltar, no concello de Sanxenxo -actualmente, en fase de proxecto- estímase unha inversión de 1,5 millóns de euros durante o vindeiro ano 2026.
A Xunta de Galicia contempla así mesmo unha dotación de crédito por importe de 600.000 euros para cada unha das actuacións necesarias para licitar en 2026 a futura construción de sendos centros de Atención Primaria nos concellos de Soutomaior e Caldas de Reis.