- José Flores Arias mantivo hoxe no Hospital Provincial unha xuntanza con representantes da plataforma Loita, na que analizaron diversas casuísticas asistenciais de tratamento a pacientes menores de idade
- O xerente da Área Sanitaria púxose ao dispor desta plataforma e comprometeuse coas súas representantes a estudar as cuestións en materia de Fisioterapia e atención temperá a menores e tamén no que atinxe á humanización do parto
O xerente da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés mantivo na mañá de hoxe no Hospital Provincial do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra unha xuntanza con representantes da plataforma Loita, na que tivo a oportunidade de coñecer as súas demandas, en relación a diversas casuísticas asistenciais de tratamento a pacientes menores de idade.
Nesta xuntanza técnica, o doutor José Flores Arias -quen estivo acompañado polo subdirector de humanización, calidade e atención á cidadanía, o doutor Jorge García Borregón- púxose ao dispor desta plataforma para calquera cuestión de interese que poidera xurdir, á vez que se comprometeu coas súas representantes a estudar as cuestións expostas en materia de Fisioterapia e atención temperá a menores e tamén no que atinxe á humanización do parto na Área Sanitaria.
Atención sanitaria integral
Cómpre subliñar que a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés ofrece unha atención sanitaria integral e desenvolve a súa labor centrada nas necesidades e expectativas das persoas, ás que se lles prestan uns servizos individualizados que respectan a súa autonomía e dignidade.
Con continuidade, a dinámica sanitaria pública nesta área de saúde céntrase en acompañar e resolver os problemas dos pacientes maiores, daqueles que padecen enfermidades crónicas, pero tamén mellorando para o benestar e a saúde dos pacientes menores.
Axente de transformación social
No transcurso da xuntanza de hoxe -que da continuidade á celebrada en xuño do pasado ano 2023- quedou patente que a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés continúa a potenciar os seus programas de humanización cara a consolidarse coma un axente de transformación social, a través da promoción e a protección da saúde e a prestación de servizos sanitarios públicos de calidade, sendo unha organización na que confía a poboación e que conta con profesionais comprometidos coa Sociedade.

