- Aínda así, o Plan de Adecuación de recursos asistenciais programado para a etapa estival na Área Sanitaria prevé a utilización dun 89 % das súas camas de hospitalización
- Dita planificación -realizada en base ao estudo pormenorizado da afluencia de pacientes durante esta época e que se leva a cabo e replanifica cada ano- permite asegurar as necesidades de cobertura asistencial dacordo coa previsión de demanda na área de saúde, así como efectuar un uso racional dos recursos
- A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés manterá durante o vindeiro verán de 2022 a dispoñibilidade do 100% das camas nos seus respectivos hospitais para dar resposta asistencial a calquera necesidade. Aínda así, o Plan de Adecuación de recursos asistenciais programado para a inminente etapa estival nesta área de saúde prevé a utilización dun 89 % das súas camas de hospitalización.
- Dita planificación -realizada en base ao estudo pormenorizado da afluencia de pacientes durante esta época e que se leva a cabo e replanifica cada ano- permite asegurar as necesidades de cobertura asistencial dacordo coa previsión de demanda na Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, así como efectuar un uso racional dos recursos.
A Área Sanitaria mantéra este ano operativas no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra 520 das súas camas -o 87% do total- e no Hospital do Salnés 108 camas -que representan o 90% da súa totalidade-.
Adecuación planificada cada verán
Este plan de adecuación dos recursos asistenciais planificado cada verán pola Área Sanitaria xustifícase pola coincidencia do período regulamentario no que a maioría de profesionais do Sistema Sanitario Público galego solicita o desfrute das súas vacacións e tamén pola diminución dos ingresos hospitalarios por procesos respiratorios, polo que é necesario efectuar unha programación previa, mantendo e adaptando os recursos asistenciais a esta realidade que se repite cada ano durante o período estival.
Dito plan de adecuación de recursos tamén posibilita que ao longo dos meses deste vindeiro verán se executen pequenas obras e actuacións preventivas ou reparadoras en distintas unidades, unhas intervencións que durante outros momentos de maior ocupación sería máis complicado acometer.
Non obstante, a Área Sanitaria de Pontevedra e o Salnés reitera que estarán dispoñibles a totalidade das camas en todo momento, quedando operativas de xeito inmediato de requerirse a súa activación asistencial.
Plan específico de continxencia
Lémbrase que a Dirección da Área Sanitaria dispón dun plan de continxencia específico no caso de que se precise a utilización dun número de camas maior ao previsto. Este plan de continxencia activaríase no caso de que o número de pacientes pendentes de ingreso sen cama asignada nos servizos de Urxencias hospitalarios se incremente e se produza un incremento na ocupación global nas plantas de hospitalización.
Este plan supón a dotación de efectivos para utilizar aquelas camas que foran precisas, garantindo a asistencia de continuidade en calquera momento.