- Esta ferramenta dinamiza os ciclos de chegada dos pacientes urxentes ao centro hospitalario de Ande-Rubiáns, coordinando os tránsitos ademáis de protexer os seus datos
- As persoas que requiren asistencia urxente no centro hospitalario arousán acceden á área de Admisión de Urxencias coa súa Tarxeta Sanitaria, que lles integra no sistema que prestan as pantallas habilitadas nas salas de espera de pacientes infantís e de adultos
A Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés ven de implementar un sistema telemático de xestión de quendas na área de Urxencias do Hospital Comarcal de O Salnés, dinamizando os ciclos de chegada dos pacientes adultos e infantís a estas dependencias asistenciais do centro sanitario de Ande-Rubiáns.
Esta ferramenta tecnolóxica no servizo de Urxencias do Hospital do Salnés coordina o acceso gradual dos usuarios, ademáis de dispoñer dun sistema para protexer os seus datos persoais. O novo sistema telemático de xestión de quendas permite que as persoas que requiren asistencia urxente no centro hospitalario arousán accedan á área de Admisión de Urxencias coa súa Tarxeta Sanitaria, que lles integra neste sistema telemático que prestan as pantallas habilitadas nas salas de espera de pacientes infantís e de adultos.
O sistema imprime un código personalizado e a quenda correspondente. Cando se accede ben á sala de espera de adultos ou á pediátrica, unha pantalla reflicte eses códigos e indica cando e onde corresponde o inicio da atención.
De xeito simultáneo, o listado de códigos de citas vai avanzando na pantalla cun son de aviso, para alertar aos pacientes que esperan pola súa quenda.
Confidencialidade nos chamamentos
Deste xeito, non se emprega o nome e apelidos dos doentes para efectuar os chamamentos, preservando a súa confidencialidade. Ademais, axúdalles na súa orientación, pois lles aporta a ubicación da sala de consulta concreta, amén de evitarlles a incerteza de agardar a que lles chamen, ou ben avisar da súa chegada.



