- O xerente da entidade, Marcos Araújo, detallou no Parlamento de Galicia o plan de investimento de cara ao próximo exercicio, que suporá un salto cualitativo na plataforma de xestión das chamadas de emerxencias
 - Dotarase o Grupo de Apoio Loxístico de máis recursos humanos e materiais e seguiranse apoiando os servizos de emerxencias locais coa dotación de equipamento
 
O xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo, presentou esta mañá no Parlamento de Galicia o orzamento previsto para esta entidade para o vindeiro exercicio, que acada os 12,5 millóns de euros. Esta contía supón un aumento do 21% respecto ao ano 2025 e permitirá a modernización integral da infraestrutura técnica do 112 Galicia e do seu centro de respaldo.
Segundo sinalou Araújo, as actuacións previstas suporán un salto cualitativo na plataforma de xestión das chamadas de emerxencias en Galicia, xa que se incrementará a velocidade de transmisión e tramitación dos datos, ao tempo que aumentará o rendemento e a dispoñibilidade do sistema grazas a unha maior capacidade de almacenamento e execución. Trátase, en definitiva, de simplificar os procesos informáticos e tecnolóxicos, o que permitirá “unha xestión máis áxil e efectiva das chamadas de emerxencia”, apuntou.
Ademais, a nova arquitectura da plataforma de servidores coa que se vai dotar o CIAE 112 e o seu centro de respaldo —deseñada en colaboración coa Amtega— posibilitará que ambos os centros funcionen como se fosen un só. Deste xeito, minimizaranse os tempos de activación do plan de continxencia en caso de emerxencia grave ou ante a necesidade de aumentar a capacidade de resposta do 112. Paralelamente, renovaranse todos os equipos da Sala, co obxectivo de dotar cada posto de xestión dun equipamento tecnolóxico con maior capacidade de navegación, tramitación e adaptación á nova versión da aplicación de xestión das chamadas de emerxencias.
Así mesmo, a Axega, seguirá dando prioridade á seguridade e á protección de todos os seus sistemas, mediante un maior investimento no eido da ciberseguridade. Cómpre lembrar que o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia constitúe unha infraestrutura estratéxica cuxo funcionamento debe contar coas máximas garantías e seguridade, pois está operativo as 24 horas do día, os 365 días do ano, e xestiona chamadas de emerxencias.
Mellora das comunicacións
Por outra banda, o xerente da Axencia Galega de Emerxencias puxo o foco sobre a mellora das comunicacións cos organismos e grupos de intervención en emerxencias mediante a creación de novas aplicacións informáticas, que axudan, por un lado, a axilizar a transmisión de datos, e, por outro, permiten manter o equilibrio no tráfico das comunicacións entre estes grupos e o 112 Galicia. Deste xeito, liberan a central do uso exclusivo da transmisión por voz e diversifica as posibilidades de intercambio de información coas máximas garantías.
Neste senso, Marcos Araújo explicou que estas actuacións se verán reforzadas cunha asignación orzamentaria de 1,6 millóns de euros con fondos europeos para a dotación de equipos de comunicacións TETRA (tecnoloxía de radio dixital, que facilita a comunicación en situacións críticas) aos parques de bombeiros, Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) e Protección Civil.
Igualmente, recordou que a integración dos equipos de emerxencias e corpos de seguridade no sistema de xestión do 112 Galicia forma parte do sentido de ser do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia, por tanto seguirá sendo unha prioridade a potenciación dos buses de integración de datos que xa funcionan coa Garda Civil e a Policía Nacional.
Máis recursos humanos e materiais
A maiores, o xerente da Axega puxo en valor o Grupo de Apoio Loxístico (GALI), que medrará tanto en recursos humanos como técnicos mediante unha dotación orzamentaria de 1,3 millóns de euros para seguir aumentando a súa capacidade de resposta.
Araújo explicou que se procederá á actualización tecnolóxica do Posto de Mando Avanzado, un recurso que facilita o intercambio de información e a toma de decisión en situación críticas, polo que debe contar coa última tecnoloxía en canto á recepción e transmisión de datos. Ademais, adquirirase un vehículo de Posto de Mando máis pequeno e con tracción ás catro rodas co obxectivo de poder chegar a zonas de difícil acceso, e unha cisterna de gran capacidade e coa mesma facilidade de tracción. Tamén está prevista a compra dun dron submarino e un robot de intervención en interiores por valor de máis de 250.000 euros. Este aparato está preparado para extinguir lume, obter unha visión do espazo afectado cando o acceso é imposible e realizar algún rescate.
Así mesmo, a Axega seguirá cumprindo co compromiso de dotar os grupos de intervención e Protección Civil de material que incremente a súa capacidade de resposta. Así, prevese a entrega de kits de material de rescate acuático por valor 170.000 euros e facilitarase aos concellos de menos de 50.000 habitantes a adquisición de equipamentos de intervención.

                                    

