Ante o incremento sostido das solicitudes, o Goberno galego reforza esta colaboración co obxectivo de garantir unha atención rigorosa e áxil ás persoas residentes no exterior
A Xunta de Galicia mantén unha colaboración estable coas dioceses galegas para facilitar ás persoas emigrantes galegas e á súa descendencia a consulta e expedición de certificados acreditativos da súa ascendencia. Este traballo conxunto abrangue a Arquidiocese de Santiago de Compostela e as dioceses das catro provincias galegas.
Grazas a esta cooperación, no presente ano 10.000 galegos do exterior puideron obter documentación sobre a súa orixe familiar, case o dobre que no exercicio anterior. Máis de 6.000 solicitudes foron atendidas a través do Arquivo Histórico da Arquidiocese de Santiago de Compostela, que concentra unha parte moi relevante da demanda.
Os arquivos diocesanos custodian fondos documentais esenciais —partidas de nacemento, bautismo, matrimonio ou defunción— que resultan clave para acreditar a ascendencia galega. Estes documentos son determinantes para múltiples trámites administrativos, entre eles os relacionados coa adquisición da nacionalidade española ao abeiro da lexislación vixente, ademais de permitir a recuperación da memoria familiar e, en moitos casos, a localización de vínculos familiares en Galicia.
Ante o incremento sostido das solicitudes, a Xunta reforza ano tras ano esta colaboración co obxectivo de garantir unha atención rigorosa e áxil ás persoas residentes no exterior. A cooperación inclúe a atención prioritaria ás solicitudes procedentes da emigración, así como o apoio á dixitalización, ordenación e sistematización da documentación histórica conservada nos arquivos parroquiais e diocesanos.
Este modelo de traballo conxunto permite ofrecer seguridade, continuidade e eficacia nun ámbito especialmente sensible para a cidadanía galega no exterior, asegurando o acceso a unha documentación fundamental para manter vivos os lazos familiares, xurídicos e emocionais con Galicia.



